Cólera

Contra finais de xaneiro, a Organización Mundial da Saúde (OMS) indicaba que a cantidade de mortes por cólera en Zimbabwe sobrepasara xa as tres mil persoas e superara amplamente os cincuenta mil infectados.

A epidemia, alertaba, segue fóra de control alimentada pola falta de acceso á auga potable e hixiene, a escaseza de mediciñas, a falta de persoal médico na zona para atender aos enfermos e, finalmente, a actual tempada de chuvias que incrementa o risco por auga contaminada.

¿Zimbabwe? Si, Zimbabwe, un país surafricano con máis de trece millóns de persoas, a sombra dun ditador corrupto, Mugabe, sobre o seu lombo de miseria e unha esperanza de vida ao nacer que non supera os 44 anos.

Ese é Zimbabwe, a metáfora do mundo que non vemos, nin sentimos nin oímos. A sombra estirada dunhas vítimas que non son nosas e fican ben lonxe das nosas preocupacións. Pero non por deixar de pensar nel, Zimbabwe, os seus tres mil mortos por cólera e as máis de cincuenta mil persoas infectadas deixan de existir.

Estaban aí antes de que Leonardo DiCaprio nos falase das guerras polos diamantes de sangue en África dende as alfombras de Hollywood e as pantallas de cinema. Eles estaban aí e seguen aí. Sempre no reverso das noticias.

Comentarios