Colaboracións en coiro

Na páxina de Facebook ArGaiaencoiro pode verse boa parte dos traballos que Diego Seijas leva realizado dende que comezara o seu interese polo coiro, hai uns cinco anos
Diego Seijas, con algunha das súas creacións, na Carballeira de Castro Ribeiras de Lea
photo_camera Diego Seijas, con algunha das súas creacións, na Carballeira de Castro Ribeiras de Lea

Hai elementos, olores e gustos que ou os amas ou os odias. Esta é unha máxima que se pode empregar ao falar do coiro, ese material que, tras un longo tratamento, chega en forma de mil e un artiluxios ás nosas mans e que para saber tratalo tamén hai que coñecelo.

Afortunadamente, mans como as de Diego Seijas saben como darlle forma a un produto tan peculiar como é o coiro. Así xorde ArGaiaencoiro, un proxecto nacido para mostrar os traballos que vai realizando e cos que colabora con distintos festivais e eventos chairegos. «Hai uns cinco anos empecei a sentir curiosidade por este material e a facer algunha cousiña», comenta Diego, ao mesmo tempo que matiza que «eu son totalmente autodidacta. Nunca fun a cursos, así que todo o que sei é a través do que vou experimentando».

ArGaiaencoiro móvese, especialmente, a través da súa páxina de Facebook, na que se poden ver algunhas das creacións que Diego leva feito. Respecto ao nome elixido, fala de que «foi grazas a unha compañeira mentres tomabamos un café. Ademais, aproveitei que a miña gata se chama Gaia e xoguei co verbo ‘argallar’». Todo un exercicio de creatividade que intenta plasmar no coiro, aínda que «case todo o que traballo é a través de encargos, facéndoo de maneira personalizada».

Quizais ese é o motivo principal polo que dende a organización do Festival da Chaira de Baltar, na Pastoriza, confiaron nel para a realización dos regalos que se entregaron. «A graza disto é que sexan produtos cun forte carácter persoal, ao gusto do cliente», comenta este mozo, que compatibiliza a súa afección co traballo no 061, «a pesar de que é moi difícil vivir disto», lamenta.

O esforzo de traballar co coiro, «sobre todo coser, xa que o fago todo á man», vese compensado cando «á xente lle gusta o que fas e o valora. É algo que se agradece», comenta Diego.

Polo momento «estou experimentando a elaboración dos pandeiros, pero aínda en fase de proba», afirma, ao mesmo tempo que recoñece que é unha práctica que cada vez atrae a máis seguidores. «Parece que a xente lle colleu o gusto», di Diego, aínda que non todos teñen o don de traballalo.

Diego colaborou con algún certamen chairego, como no Festival da Chaira, celebrado na parroquia pastoricense de Baltar

Comentarios