Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Cociñar na tele

(*)


PARECE CASE pornográfico tratar de asuntos relacionados coa comida, una vez sobrevividas estas festas -que Deus as teña na súa gloria por sempre- pero algúns feitos de actualidade, aparecidos en prensa, pódennos servir de comentario acaído.

Todo veu a conto da sentenza ouvida nun programa de televisión de cociña para nenos. Un imberbe, proxecto de home-macho, defendeu as cualidades innatas (creo que dixo xenéticas) das rapazas para fregar. Veu seguido (esta vez nun comercio) doutra frase emitida por un outro imberbe: ‘mamá, non entendo como as mulleres tardades tanto en elixirdes bolso’. A suma das idades dos dous non chegaba aos 20 anos; por iso, son boa mostra da eficacia excelente da educación, tanto no ámbito público como no privado, para marcar a lume os roles de xénero máis rancios que ser humano poidera concebir.

O primeiro caso -o da tele- resolveuse cun correctivo do ‘chef’: utilizou a súa autoridade para obrigar o autor da barbaridade a fregar el só toda a cociña. No segundo caso, a nai da criatura non contestou ren, asumindo de feito a culpa de ser lenta á hora de escoller. Pena que non reparara coa mesma calma á hora de escoller compañeiro de vida.

O de cociñar na tele, competindo, usando habilidades previas e outras aprendidas ao longo dos preparativos do programa, baixo a atenta batuta dun grupo de ‘chefs’ xerarquizados, é una mostra perfecta do anverso da escola actual.

En primeiro lugar, na escola non hai xefe nen xefes. Os idearios das últimas reformas do ensino obrigatorio acabaron convertendo o profesor nun guía, un tímido guía que haberá de levar o alumno con suavidade polos camiños do coñecemento divertido.

En segundo lugar, na escola non pode haber correctivos, non hai castigos nen obrigacións frente ao profesor e ao resto dos compañeiros.

En terceiro lugar, o rol dos pais é decisivo, tanto que algún mestre parece viver baixo ameaza das ‘anpas’ e/ou dos pais particulares, e haberá máis de un que estea disposto a perguntar o programa de actividades. É hoxe posíbel imaxinar una escola onde o mestre obrigue a un neno a limpar a clase despois dun comentario machista? Acabaría no xulgado. E, non obstante, pais de criaturas iguais ás das escolas levan os seus fillos a competiren a un programa de televisión, cunhas normas preestabelecidas e non pactadas. Normas que interpretan e fan cumprir os ‘xefes’ sen posibilidade de apelación nen, por certo, de negociación. Levan os seus infantes a se someter ao ‘stress’ de competiren con outros rapaces, en tempo e forma non acordados. Nenos e nenas xuntos compiten por un diploma en cociña, agora que case toda a poboación das grandes ciudades non ten posibilidade de comer comida cociñada por si mesma. Aceptan, sen nengún reparo, a autoridade do ‘chef’ primeiro até o ponto de estaren obrigados a contestar ‘si, chef’, ao igual que fan os ianquis no exército: ‘si, señor’.

Quererá dicer que hai que cambiar pendularmente outra vez a escola?

Ou haberá solucións extraescolares para tal fin?

(*) Se mantiene el idioma original del artículo, publicado en la edición impresa de El Progreso del lunes, 12 de enero del 2015.

Cociñar na tele
Comentarios