La cocina de Navia va de cerdo

Algúns dos autores do libro, coa súa obra. Foto: XESÚS PONTE
photo_camera Algúns dos autores do libro, coa súa obra. Foto: XESÚS PONTE

Os alumnos e profesores do CPI de Navia de Suarna elaboraron un libro de receitas de cociña co porco como protagonista. O obxectivo era coñecer a gastronomía dos Ancares e gardar a bo recado os segredos culinarios da montaña para garantir a súa conservación e o traspaso do legado ás novas xeracións.

Dito e feito. Os alumnos puxéronse mans á obra e en pouco tempo tiñan recollidas preto de cen receitas distintas con ingredientes derivados do porco.

O traballo, lonxe dunha mera compilación de pratos, é toda unha lección de etnografía, pois desvela os segredos da cociña dos avós de Navia e dos arredores, as particularidades dos fogóns da montaña e o especial tratamento que o porco recibe nesta parte de Galicia.

Coordinados polos profesores Francisco Trashorras, María Alvariño e Dolores Vázquez, todos os alumnos do centro, desde infantil a secundaria, colaboraron nesta obra, que leva por título ‘Vai de cocho’. A idea do título foi de Antón López Fernández, que recibiu a inspiración mentres vía na televisión o concurso Vai de Gaita do Luar.

Na terra da androlla, este embutido non podía faltar. O libro explica como se fai e como se cociña. Este prato coñecido comparte obra con outros moito menos extendidos, como os guisos con distintos tipos de partes do cocho. Tamén desvela preparacións propias da montaña, como o fígado, o estómago ou o corazón á feira, e ensina a aproveitar todos os restos de carne, en forma de embutidos, prensados ou roxóns variados. Do cocho aprovéitase todo e os nenos de Navia dan fe diso.

Pais, tíos, avós, todos colaboraron cos rapaces para compoñer o ‘Vai de cocho’. Estes contactos empuxaron os estudantes ás cociñas. «A min serviume para descubrir receitas que non coñecía, que nunca tiña probado, pero das que se lembraba a miña avoa», explica unha das mozas que colaborou no libro. Incluso apunta que está agora máis disposta para poñerse ao frente dos fogóns e intentar levar algunha á práctica.

Todos aseguran que aprenderon algunha cousa nova do contacto cos maiores. A recollida de información coincidiu co tempo de matanza, de aí que moitas das receitas estean elaboradas con productos frescos. O fígado encebolado batiu o récord como prato máis veces recollido, pero tamén aparecen outros menos tradicionais como a costela asada á coca cola.

A obra inclúe un glosario de termos da zona de Navia, distintos xeitos de denominar as partes do cocho, para que ningún leitor perda detalle dos ingredientes.

O libro ‘Vai de cocho’ foi editado polo CPI de Navia e está recén saído do prelo. Sairá á venda o próximo domingo, coincidindo coa celebración da Festa da Androlla. Os alumnos e profesores porán un posto na feira para recadar fondos para a excursión de fin de curso. Ademais do libro, venderán camisetas de deseño propio, sobremesas elaboradas por eles e licores caseiros.

O ‘Vai de cocho’ é a segunda dunha serie de publicacións gastronómicas que o colexio comezou con ‘Toma castañas!’, que recolle distintos xeitos de cociñar este froito. Os profesores non desvelan o segredo, pero avanzan que xa teñen en mente o ingrediente protagonista do terceiro volume.

DIVERSIDADE
Outras culturas a través do padal

A cociña propia non é a única que coñecen os alumnos de Navia de Suarna. O colexio organizou nos últimos cursos xornadas gastronómicas sobre distintos países, co obxectivo de achegar os rapaces a culturas diversas.

Probaron a comida árabe, a sudamericana, a catalá ou a portuguesa, entre outras. E esta actividade foi un complemento das explicacións que recibiron nas aulas sobre esas sociedades e culturas.

Estados Unidos

Este ano as actividades están centradas nos Estados Unidos. Os rapaces están realizando un percorrido virtual pola Ruta 66, a través da cal están atravesando o país para coñecelo en toda a súa diversidade.

Teñen unha auxiliar de conversa americana coa que perfeccionan a lingua inglesa, no corredor instalaron o seu particular paseo da fama con estrelas co seu nome e xa celebraron con pavo o Día de Acción de Grazas.

A embaixada axuda

A embaixada de Estados Unidos, a petición do CPI de Navia, enviou libros e material audiovisual para complementar as explicacións dos profesores.

Comentarios