Coas coordenadas ben postas

As imaxes do satélite español Ingenio terán grande utilidade no campo da Xeomática.
photo_camera As imaxes do satélite español Ingenio terán grande utilidade no campo da Xeomática.

As técnicas de medición do terreo están ligadas á maioría das ramas da enxeñaría. Nos últimos anos experimentaron ademais un pulo importante co desenvolvemento da Xeomática, que aplica as últimas tecnoloxías, como as imaxes por satélite e o 3D, a este corpo científico-tecnolóxico.

A Escola Politécnica oferta 50 prazas de ingreso no Grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía, que supón a adaptación ao plan de Boloña da Enxeñaría Técnica en Topografía que se implantou en Lugo no 2003.

A Enxeñaría en Xeomática e Topografía engloba a tradición e o progreso no eido das técnicas e saberes que permiten medir a terra. A Topografía empalma coa tradición de milenios que aínda está no día a día dos profesionais, mentres que a Xeomática representa os aspectos máis innovadores neste amplo eido.

Na Xeomática inclúense as ciencias e as tecnoloxías que se utilizan na toma de medidas de calquera punto xeográfico, así como as tecnoloxías da información que facilitan a adquisición, tratamento e difusión dos datos sobre os territorio -que se dan en chamar datos espaciais, xeoespaciais ou xeográficos-.

A propia composición da palabra remite a xeo (terra) e mática (tratamento da información). O termo foi empregado por primeira vez polo científico frances Bernard Dubuisson, xeómetra recoñecido, en 1960 para reflectir o que supoñía a realidade desta profesión nesa época. A Universidade Laval de Quebec (Canadá) foi a primeira en crear, en 1986, o primeiro programa universitario de Xeomática do mundo. Hoxe en día o termo utilízase a nivel mundial, tanto no eido científico, académico ou gubernamental.

A Xeomática ten múltiples aplicacións. Unha delas, por exemplo, é a elaboración de mapas ou planos en tres dimensións, para o que é preciso botar man de varias dominios dentro desta ciencia. Así, é posible ter que valerse da teledetección para obter unha imaxe de satélite do solo, preparala, tratala e analizala. Tamén se usa a fotogrametría para facer medicións en tres dimensións, a partir de fotos aéreas, das altitudes; participa igualmente a agrimensura para definir con precisión a localización dos edificios, as rúas, os cursos de auga, os límites das propiedades e o terreo en tres dimensións.

O abano de técnicas precisas para acadar o obxectivo non remata aí. Úsase tamén a cartografía, co fin de producir coa axuda de programas informáticos as imaxes e os planos en dúas ou tres dimesións que representan o territorio. A xeodesia e o XPS (posicionamento por satélite) aplícase para coñecer a forma e a dimensión da Terra, posicionar con precisións obxectos, vehículos e persoas e seguir a súa traxectoria. E, por último, utílizanse os Sistemas de Información Xeográfica (Six) e a xestión de bases de datos para analizar o territorio combinando os distintos tipos de información compilada con XPS, fotogrametría, teledetección ou estadística, entre outros.

A Xeomática é, como se pode deducir, un campo científico-tecnolóxico de avangarda, onde se utilizan ferramentas complexas e moi desenvolvidas con múltiples funcións. Por esta razon, interacciona con outras enxeñarías e campos do coñecemento como base para a planificación, proxección, execución e xestión de procesos e produtos específicos das súas disciplinas.

Perfil profesional

O profesional da Xeomática e da Topografía debe, polo tanto, saber adaptarse aos continuos cambios, dispoñer de imaxinación e ser consciente dos progresos técnicos e da evolución das necesidades neste eido. Precisa, ademais, ter unha visión global, multidimensional e multidisciplinar.

O estudante aprenderá, durante a carreira, a determinar o tamaño e forma da Terra e a tomar os datos necesesarios para definir o tamaño, posición, forma e contorno de calquera parte dela; a posicionar obxectos no espazo e no tempo, e tamén a definir e posicionar aspectos físicos, estruturas e traballos de enxeñaría sobre ou debaixo da superficie terrestre; a desenvolver, controlar e calibrar sensores, instrumentos e sistemas para eses obxectivos; a adquirir e usar información espacial a partir de imáxenes terrestres, aéreas ou de satélite.

Os alumnos tamén aprenden a determinar a posición dos límites de terreos públicos ou privados, incluindo fronteiras nacionais ou internacionais, e a rexistrar e inscribir eses terreos ante as autoridades apropiadas; a deseñar, establecer e manexar sistemas de información xeográfica (SIX); a facer o planeamento, desenvolvemento e reorganización da propiedade, urbana ou rural; e a facer tamén a súa valoración e administración. Tamén se lles ensina a planear, medir e xestionar o traballo de contrución, incluída a xestión de custes.

Que se estuda?

Ao longo dos catro anos que comprende este grao -componse de 240 créditos-, as materias estrutúranse en varios módulos, que son os seguintes: Matemáticas, Física, Informática, Expresión Gráfica, Topografía, Cartografía e Sistemas de Información Xeográfica, Fotogrametría e Teledetección, Xestión Territorial, Astronomía e Xeodesia, e Xeoloxía e Xeofísica. Ademais, deben facer un traballo de fin de grao.

Para desenvolver a parte práctica destas materias, a Escola Politécnica conta con material específico, laboratorios e obradoiros. Os máis implicados neste grao son os de Topografía, o de Física, o de Cálculo de Estruturas, o de Xeoloxía e as naves obradoiro de Materiais e Tecnoloxía Mecánica e da Construción.

Prácticas

A Escola Politécnica Superior ten convenios con máis de trescentas entidades para que os alumnos dos cinco graos que se ofertan no centro poidan facer prácticas en situacións reais. Para o grao de Enxeñaría en Xeomática e Topografía, a EPS dispón de 70 prazas.

Ademais, a EPS ofrece tamén amplas posibilidades para facer unha estadía no estranxeiro. Conta con convenios con varias universidades portuguesas, italianas, alemás, francesas, checas, belgas, húngaras, polacas, finesas, gregas, maltesas, canadenses, cubanas, brasileñas, mexicanas, uruguaias ou chilenas a través dos programas Erasmus, Sócrates e dos convenios bilaterais. Tamén está adscrita a o Erasmus Mundus, deseñado para que os titulados fagan prácticas en empresas ou entidades do estranxeiro.

PERFIL

  • Rama científico-tecnolóxica. Como sucede coas outras enxeñarías do campus de Lugo, aínda que non se precisa formación previa específica para o ingreso, é recomendable ter cursado a rama de Ciencia e Tecnoloxía ter certas cualidades.
  • Cualidades. O perfil do estudante do de Enxeñaría Forestal debería incluir curiosidade intelectual, hábito de lectura, capacidade analítica, crítica e de aplicar fundamentos para a resolución de problemas; constancia e responsabilidade no traballo, capacidade para o traballo en equipo e para usar o tempo de maneira efectiva; competencia en expresión oral e escrita; competencia lingüística en inglés, ademais de en castelán e en galego; competencia en ferramentas informáticas básicas e coñecementos básicos de Debuxo Técnico, Química, Bioloxía e Xeoloxía a nivel bacharelato.

RECURSOS

25 profesores imparten docencia

No grao de Enxeñaría Xeomática e Topografía imparten docencia 25 docentes, deles 19 a tempo completo e o resto a tempo parcial, aínda que a súa adicación non é exclusiva a esta titulación, senón que tamén teñen docencia noutros graos que se imparten na Escola Politécnica.

Estrutura

En canto á distribución en categorías docentes, hai dous titulares de universidade; catro titulares de escola universitaria; tres contratados doutores; un colaborador doutor; dous colaboradores, cinco profesores asociados de universidade, dous asociados de escola universitaria, un axudante e seis que pertencen a outras categorías.

Así estaba conformada a plantilla docente en 2010, sen que houbera previsións de que fixera falla ampliala para poñer en marcha o novo grao.

Comentarios