Os veteranos seguen dando guerra

Coa música a outra parte

As bandas musicais perviven na comarca e gozan dunha saúde que vai por refachos. Os seus compoñentes máis lonxevos misturan tradición e divertimento pero sempre cheos de ilusión
Pepe O Píndaro
photo_camera Pepe O Píndaro

As bandas de música existentes na Mariña son froito de esforzos que, tristemente, soen ser duns poucos. Moitísimo traballo para funcionar, xeralmente, por rachas. Os seus propios compoñentes explican que se funciona incluso por xeracións. Que uns anos hai moita xente e outros van a menos. Tamén recoñecen que nesta comarca e nestes tempos hai un problema fundamental que é o dos rapaces que se forman nas escolas, comezan a tocar nas bandas pero logo teñen que ir estudar fóra e, xeralmente, iso trunca a súa participación nestas formacións musicais, ou cando menos a dificulta.

Nas últimas semanas, sobre todo coincidindo con Santa Cilla, patroa dos músicos, houbo algunhas homenaxes a estas persoas que van coa música a outra parte, a todas as partes, non só ó seu pobo. Un deles, o ribadense José Luis Barbosa, que toca a tuba, conta que aínda que a el lle encanta tocar en Ribadeo, tamén lle gusta ir tocar a outros sitios "para que se vexa tamén por fóra o que facemos".

No seu caso concreto leva 21 anos de xeito consecutivo na banda de Ribadeo. Lembra que a banda foi algo tremendo e que agora foi a menos, aínda que tamén recoñece que son épocas.


O entendemento entre as escolas de música e as bandas é fundamental para garantir un continuo relevo xeracional


No caso concreto de Ribadeo di que lle parece que a escola de música debería "colaborar máis con nós. Agora o director da escola non é o mesmo que o da banda, como na época de Hernán [Naval], e penso que daquela había unha comunicación moito maior entre a escola e a banda. Ti estabas na escola e pasabas á banda. Agora non hai eso e ó mellor tería que haber máis colaboración por parte da escola, ou eso me parece a min, para que a xente de alí fose pasando á banda e así se puidese nutrir máis de músicos, porque agora mesmo estamos xustos". Aínda así di que están funcionando bastante ben.

FORMACIÓN. Ademais de Ribadeo, as localidades de Foz e Viveiro tamén contan con bandas, pero tamén hai pequenas formacións en Mondoñedo e Burela, nestes casos dependentes das respectivas escolas de música, que en ambolos dous concellos dirixe Xan Carballal.

Para o experto é "un gustazo" contar con xente maior nas formacións ou como alumnos nos centros de aprendizaxe, porque "é xente que colabora moito co docente á hora de aconsellar aos rapaces, porque teñen o pouso que dá o tempo e a madurez e transmiten as gañas de aprender aos máis novos", explica. Xente, en moitos casos xa retirada do mundo laboral, que volta a recuperar as gañas de tocar cando se xubila.

As relacións entre xente das diversas xeracións semellan moi positivas en cuestións musicais e converten en algo especial as rutinas dos ensaios, segundo coinciden os diferentes responsables dos centros mariñáns e os propios alumnos, para os que a idade non é problema, senón unha vantaxe que non se da noutas ordes da ensinanza.

Entre a xente de idade que recupera a súa paixón pola música hai xente que aprendeu de nova pola súa conta, pero tamén outra que tivo unha formación nas antigas bandas e orquestas que funcionaban antaño na contorna, pero tamén de xeito privado. Unhas clases que lles serviron para aprender a tocar un instrumento, pero que rara vez lles permitiu saír adiante de xeito profesional, que tampouco era o que se buscaba, polo que na súa volta aos estudios faise imprescindible que aprendan coñecementos de lectura e linguaxe musical.

A Mariña ten un importante pasado musical e foron moitas as formacións que achegaron a súa música a tódolos rincóns da contorna, pero tamén axudaron a forxar paixóns e son moitos os que aprenderon a tocar un instrumento polo feito de ver a outros facelo.

Comentarios