As claves e os protagonistas

No Deportivo a clave do derbi resúmese no seu traballo incansable. Recibiu un premio co gol madrugador sen facer mérito ningún e aproveitouno. Remou co vento a favor todo o tempo, sufriu e soubo contrarrestar as cousas do Celta de Vigo, empurrado como non por unha afección dez.

E no Celta, o derbi resúmese dicindo que morreu matando. Sempre a remolque, foi polo partido pero faltáronlle instinto asasino e templanza. Recibiu dúas coiteladas en momentos claves: a primeira pouco despois dos tres minutos do comezo e a última, a sete minutos do final. E o derbi de onte tamén tivo os seguintes nomes propios:

Oubiña-Valerón. Dous capitáns inseparables, na proposta e no campo. Valerón na construción e Oubiña na destrución Referentes indubidables dos seus.

Salomão. Un puñal na banda esquerda do Deportivo. Velocidade e desborde en estado puro. Sacoulle as cores a Oier Sanjurjo.

Orellana. Heroe e verdugo do derbi. Cambiou o partido para o Celta cando entrou na segunda metade, marcando o tanto que desatou o celtismo, pero cometeu  un erro posterior que significou a derrota do seu quipo.

Riki-Lassad. Máxima efectividade dos dianteiros do Dépor. Riki chegou, viu, marcou e marchou. Lassad apenas entrou en xogo, pero provocou o éxtase de Riazor co seu golazo.

Comentarios