Perfil

Clara Naseiro: «Nun mundo de homes, non me sentín nin apartada nin mimada»

Son Clara Naseiro. Teño 41 anos. De profesión: ‘de la madera’, aínda que ás veces tocamos a pedra, o ferro... sempre buscando novas cousas e ampliar coñecementos específicos do mundo artístico. Hoxe por hoxe, no mundo da talla considérome mestra tallista, porque aprendín máis ensinando que estudando
Clara Naseiro
photo_camera Clara Naseiro

NACEU ENTRE MADEIRAS e continúa rodeada delas. Son parte do seu ser, da súa vida, unha prolongación da historia familiar e dun árbol xenealóxico do que espera continúen nacendo novas pólas para seguir dando forma ao que só uns poucos poden.

Cando descubriu que a madeira era a súa vida?

Cando me fixeron falta cartos. Empecei neste mundo egoistamente para ter cartos propios e poder comprar o que quería. Tiña 16 anos.

É quen foi o responsable?

Tanto o meu avó coma o meu pai, ao ter a carpintería na casa. É algo que vai case no sangue, é de herdanza.

Os mesmos que levantaron esa casa que calquera que pasa pola estrada das Pontes a Vilalba identifica. Segue en pé a idea de facer un museo?

A idea foi do meu pai. Empezou a facer a casa hai 35 anos para abrir un pequeno museo para ter expostas as cousas, pero segue esperando a estar acabada. E ten moitas cousas dentro, hai que balaierala. E se o abro ten que ser mandando eu, e de momento non me deixan -di con esa naturalidade propia e esa risa que contaxia-.

De moza, facíanlle preguntas sobre a casa?

Non recordo que a xente de aquí preguntase, pero cando estivo en pé e xa co tellado moita xente paraba o coche para vela e atribuíana a Laxeiro ou a Fraga.

Empezou para sacar unha paga extra, pero xa nunca deixou a madeira.

Tiven unha época a idea de entrar nos corpos de seguridade do Estado. Cheguei a opositar, pero asustoume estar sometida a ordes. E empezábanme a saír encargos e a ter unha economía propia, así que completei a miña formación autodidacta na Escola de Artes e púxenme como autónoma.

Na carpintería familiar?

Si. Sempre compartimos espazo, pero cada un ten os seus propios encargos. Despois á hora de traballar colaboramos ou non. O meu avó xubilouse nada máis puido, o meu pai segue.

Como é vivir nun mundo maioritariamente de homes?

De marabilla. Nunca me sentín apartada, moi ocasionalmente.

Si mimada?

Nin mimada, non me deixo mimar moito. Poderíase dicir que me sentín en igualdade.

É unha persoa de carácter?

Si. E sen saber definilo (sorrí).

Realiza restauración, talla e mobiliario. Que é o mellor do traballo?

A liberdade e a gratificación propia, aínda que ás veces o traballo conleve horarios moi especiais.

Cal foi o encargo máis raro?

Non recordo ningún raro -di tras un longo silencio-, si algún do que me sinto orgullosa, bustos de homenaxe, pezas moi personalizadas. Teño a sorte de que me deixan bastante liberdade. Non fago copias. Négome. Unha muller estivo durante tres anos pedíndome que lle copiara unha talla. Díxenlle que como moito ao 90%. E ningunha cedeu.

Un autor de referencia?

No seu día Rodin, hoxe o abano é moi amplo.

Moléstalle que comparen o seu traballo co doutro?

Non, moléstame que me pregunten con que máquina a fixen.

A comarca chairega é terra de moitos artesáns e participan en moitas iniciativas. Son unha pequena gran familia xa?

Coa xente que coñezo, ben con todos. Entre nós sempre houbo colaboración e bo rollo.

Se lle din Santaballa que é o primeiro que pasa pola súa cabeza?

Un flash da xente toda que coñezo, un barrido visual da xeografía e un contacto espiritual da zona.

Acaban de celebrarse as Xornadas Indianas e alí estivo presente, coma sempre.

Participo de forma activa na parroquia e nas actividades da escola sobre todo. É un traballo traballoso. E teño a esperanza de que se manteña moitos máis anos dos que a xente cre. Hai xente que ten un aprezo e un cariño importante polo que se fai. E posiblemente sorprenderán.

Na Liga, gran parte do traballo xira en torno á emigración a Cuba. Tamén tocou na súa familia?

Tocou. O meu bisavó emigrou para facer cartos e a miña avoa recorda que ía no inverno e volvía aquí no verán porque non aguantaba a calor.

É das que lle molesta recoñecer a idade?

Dame igual a idade. Considero que me conservo moi ben (ri).

Un soño por cumprir?

Cada día un.

Unha madeira?

Teño moitas. E gústame experimentar con novas que aquí utilizamos para o lume.

Se non traballara a madeira...

Ao mellor a pedra, que tamén a traballo.

Comentarios