Civilización ou barbarie

RELATA KLEIN que na cidade de Nova Orleáns, que fora vítima do Katrina, non se reconstruíu o conxunto da urbe, o que se fixo foi crear novas zonas urbanas destinadas a persoas cos recursos suficientes para mantelas, á marxe da administración do condado. O resto da poboación sobrevive nun espazo urbano no que os servizos públicos son escasos e de deficiente calidade porque a cidadanía residente nas novas ‘cidades’ non contribúe ao erario público común do Condado. A mesma autora refire que noutras grandes cidades, en concreto Atlanta, está a distribuírse a poboación en guetos seguindo o modelo de Nova Orleáns, lugares perfectamente dotados de servizos para as minorías favorecidas e amplas zonas, infradotadas, nas que malvive o resto da poboación. Klein engade unha nova característica a este ‘avanzado’ deseño urbano, as novas ‘cidades’ son construídas, fornecidas e administradas por empresas privadas, nadas do experimento levado a cabo durante a ocupación de Iraq onde os límites morais e humanitarios foron, simplemente, ignorados.

Menciona Vattimo as palabras de Davis nas que afirma que a doutrina de combate do Pentágono está sendo remodelada co fin de apoiar unha guerra mundial de baixa intensidade, de duración ilimitada, contra segmentos criminalizados dos pobres das cidades. Igualmente, o filósofo italiano aporta un parágrafo dun informe remitido polo contraalmirante C. J. Parry ao Ministerio de Defensa británico, no que, entre outras cousas sinala que «a pobreza absoluta e a desvantaxe comparativa alimentarán as percepcións de inxustiza entre aqueles cuxas expectativas non se cumpran, aumentando a tensión e a inestabilidade tanto no seo das sociedades como entre elas, e xerando brotes de violencia como disturbios, criminalidade, terrorismo e insurxencia…» deixando clara a razón da nova (e vella) planificación das prioridades militares. Primeiro separamos os bos dos malos, ou o que é o mesmo os ricos dos pobres e despois xa podemos proceder a facerlles a guerra sen risco para nós.

Escoitei, recentemente, na radio, que xa se poden producir amorodos mediante unha impresora en tres dimensións. Estas novas xa están deixando de sorprendernos pero, se cadra, non lles dedicamos o suficiente tempo de reflexión para entender que a tecnoloxía, ao servizo da plusvalía, rematará por reducir ata niveis asfixiantes as posibilidades de vivir do propio traballo, e como consecuencia, a capacidade de consumir. Se hai seres humanos que non son precisos nos procesos produtivos e polo tanto tampouco non son quen de servir de destino aos correspondentes produtos, simplemente son humanos e humanas prescindibles, mesmo, se cadra, molestos. Historicamente a loita de clases tiña que ver coa explotación a que unha minoría: amos, señores ou capitalistas sometían ao resto: escravos, servos ou proletarios, pero sempre dende a necesidade que os primeiros tiñan dos segundos; iníciase agora un tempo no que a minoría tende a considerar a unha parte da maioría como unha carga, non como un recurso ao que explotar.

Os Ilustrados caracterizaron ao modelo de convivencia proposto por eles como civilizado e puxeron a loita pola ‘civilización’ como un obxectivo central do cambio ideolóxico que perseguían. Entendían a civilización como o oposto aos valores representados polo feudalismo que para eles significaba barbarie. Aínda recoñecendo que no fondo o que se defendía eran os intereses da burguesía, o concepto civilización vense asociando dende entón co desenvolvemento de dereitos e liberdades e coa reaparición doutro termo ‘cidadanía’, que, co tempo, asociado ao de ‘ben común’ (igualmente volto á vida) acabará por abranguer ao conxunto da poboación. Os valores da civilización enunciados na súa orixe dende unha perspectiva liberal e elitista acabarán por ser interpretados cunha ollada social e inclusiva, pretendidamente, superadora dos conflitos que no século XX causarán unha destrución nunca coñecida anteriormente.

Os tres primeiros parágrafos indican que o concepto de civilización, tal como aquí se entende, deixa de ser un valor constitutivo das novas sociedades, a cidadanía xa non abrangue ao conxunto da poboación e o ben común perde o seu carácter inclusivo, mesmo formalmente, polo tanto haberá que concluír que o que parece aveciñarse é a barbarie, non nun sentido etimolóxico senón mais ben de acordo coa acepción popular que conecta con inseguridade, con medo con dor e sempre no marco da ameaza da violencia. Isto, como se ve, é mais que unha posibilidade pero, dende logo non é unha certeza porque a cidadanía está a tempo de exercer o seu poder democrático, de ser dona do seu destino, de converter o futuro no que debe ser, un tempo ilusionante porque o seu poder, o de todos e todas, e insuperable.

Comentarios