Cinismo diario

HAI UNHA morea de feitos diarios que non escapan á observación, por pouco aguda que sexa unha. Case todos eles inciden nas condicións de traballo -tirando á escravitude- que proliferan á mesma velocidade á que aumentan o paro e a emigración. Mozas e mozos preparados nas mesmas condicións que os educados en países riquísimos vense abocados a emigraren nunhas condicións igual de humillantes que as dos nosos antepasados, sen cualificación regrada. Mais, por moito que incidamos nestes feitos, non imos amosar aspectos distintos dos que unha constatación simple poida oferecer.

Por iso, nun intento de observar pequenas cousas que constitúen grandes enganos, abandonamos -momentaneamente- a ollada sobre persoas e familias que padecen pola falta de emprego e permitirémonos examinar, máis unha vez, como se burlan de nós as grandes compañías multinacionais da distribución comercial.

O asunto naceu nunha propaganda promovida polas empresas distribuidoras -grandes superficies, grandes armacéns- de respeito á natureza. Dise que, para non enviar ao lixo tanto plástico non reciclábel, para non contribuír ao enluxado da natureza, convén ir á compra cada quen coa súa bolsa, ou carriño, ou cesto ou o que for. Ben, primeira parte. O comezo da campaña consistiu na venda, a prezo de bolso de deseño chinés, duns grandes capazos plásticos, iso si, con anuncios da casa, en logos ben visíbeis, para que cada viandante portador faga boa propaganda do centro. Segunda parte, os consumidores carretan uns bolsos plásticos non reciclábeis e hanse ocupar de levalos todos os días, se non queren pasar por caixa e pagar o saquiño que transporte a compra.

Terceira parte -e principal-: o feito de ti levares a túa bolsa ou cesto persoal non evita que chegues á casa cargadiña de plásticos perfeitamente úteis e preparados para luxar a natureza un número de veces que vén sendo un múltiplo do número de produtos comprados.

Se son produtos frescos, por exemplo, froita, é obrigado empaquetar cada froita nun plástico. As verduras tamén. No caso do pescado pode haber por cada tipo dous envases: unha barqueta de polispan e mais a correspondente bolsa de plástico. A carne servida ao corte, unha bolsa. Se se serve directamente do expositor, barqueta e plástico, e ás veces pranchiña antihumidade. Para levar calquer produto procesado industrial é frecuente levar para casa -directamente ao lixo- dous envases.

En cambio -e aquí é onde se manifesta de forma evidente o cinismo do suposto ecoloxismo-, se na caixa pedes un plástico para separar os produtos de limpeza dos alimentos, hai que pagalo. É dicer, a única norma que debería ser de obrigado cumprimento por razóns de hixiene, non é gratuita nen obrigatoria.

Resumo: un xesto que visto individualmente non ten moito significado, tomado no conxunto dunha economía, convértese tanto en cinismo galopante como nunha fonte segura de negocio da industria petroquímica produtora dos plásticos usados como envoltorios da comida e artigos de limpeza. A garantía de defensa da natureza das agresións en forma de plásticos, queda relegada, face ao negocio seguro do envoltorio.

Comentarios