sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Cinco jornadas entre danzas y juegos

Participantes en Diverdance
Participantes en Diverdance
A asociación Andrade organizou por primeira vez o campamento Diverdance, que contou con 20 participantes de catro a once anos. Ao longo dunha semana fixeron actividades lúdicas e recibiron formación en varios estilos de baile

Unha vintena de participantes, con idades comprendidas entre os catro e os once anos, gozaron a pasada semana do primeiro campamento de verán Diverdance, organizado pola asociación cultural vilalbesa Andrade ao longo «dunha semana experimental», tal e como explicou a coordinadora Noelia Blanco, que xa adiantou que a idea que teñen para o ano é duplicar tanto o tempo de duración coma o número de prazas ofrecidas.

O campamento, que se realizou nas instalacións do auditorio Carmen Estévez e no seu contorno, contou con dous apartados, nos que a organización das actividades e xogos lúdicos correu a cargo da empresa de animación Galwy, mentres que as clases de baile foron responsabilidade da asociación promotora, que propuxo cada día unha modalidade distinta.

Os asistentes tamén se repartiron en dous grupos, o das pequenas, de catro a oito anos, e o das maiores, de oito a once, que se foron turnando nas actividades. Así, mentres un dos grupos compartía xogos de agua, buscas do tesouro por Vilalba e outras animadas propostas, o outro asistía a unha masterclass de danza.

O primeiro día estivo dedicado ao musical dance e nun taller impartido por Alexandra Teixeira as pequenas bailaron ‘El Rey León’ e as maiores montaron ‘Cats’. A segunda xornada, Rubo Vigo encargouse de amosarlles os pasos básicos do street dance e no terceiro día de campamento José Luis Puentes ensinoulles a facer acrobacias. Noelia Blanco impartiu unha clase de jazz o xoves e o venres, logo dun curso intensivo de maquillaxe artístico, o campamento pechouse cunha demostración para as familias.

O peche do campamento e o paso polo Dancerveira portugués despiden momentaneamente as actividades das escolas da asociación Andrade, aínda que en breve retomarán as súas propostas. A finais do verán esperan poder organizar varias masterclass, cunha especialista en circo, cunha bailarina profesional de contemporáneo e mesmo cunha examinadora da prestixosa Royal Academy of Dance of London.

Cinco jornadas entre danzas y juegos
Comentarios