Cinco claves

1 A actitude dun campión. Hai dous xeitos de afrontar unha final desta trascendencia. Saír a xogar –que foi o que fixo Italia–; ou saír directamente a gañar o partido. Ese foi o camiño que elixiu España. Un equipo con galóns, mostrando un ritmo de xogo altísimo, vertical e preciso nesa zona de tres cuartos onde ningunha selección do mundo pode deter o tempo do xeito en que o fan Andrés Iniesta, Cesc Fábregas, David Silva ou Xavi Hernández. O primeiro gol de España foi un bo exemplo desa maxia que desempoan estes tolos baixiños.

2 En defensa, impecables. Foi outra España impecable; cunha grande actitude colectiva, enormemente solidaria na presión desde a liña de medios, perfecta no peche das liñas de pase, nas axudas sobre Cassano, sobre un Pirlo ausente. En todo o torneo España só recibiu un gol. É mérito de todos, pero na portería Iker Casillas non cometeu nin un só erro. O capitán xa forma parte da historia. Ninguén levantou copas de tanto lustre en tan pouco tempo.

3 Pouco puido facer Italia. Se cadra derrotar a Alemaña coa solvencia que o fixo, elevou os
azzurri a un nivel de euforia que os empurrou a tentar tutear esta España. Ese foi o seu erro mortal. Italia tentou ter o balón, tentou dominar. Foi un suicidio. Ao descanso o partido xa rematara. Na reanudación, a lesión de Motta cos tres cambios feitos xa por Prandelli supuxo o golpe mortal dos italianos.

4 Destacados: Xavi e Jordi Alba. É difícil destacar alguén no mellor partido de España. Por
regularidade, o premio gordo é para Jordi Alba. O descubrimento. Sobe, baixa, desborda, asociase e ten gol. Iniesta debería xogar cun retrovisor. Ás veces é difícil seguirlle a pista a un
tipo que de golpe e plumazo resolveu o problema do lateral esquerdo. O outro home da final foi Xavi. Non foi a súa mellor Eurocopa, non estaba ben. El sabíao e agardou á final para
redimirse liderando o equipo.

5 Un equipo histórico. En catro anos logrou o que ninguén conseguira: a tripla coroa. Ademais, derrota por primeira vez en partido oficial a Italia cunha goleada inédita na historia da Eurocopa. Balotelli prometera catro goles; ao final, tivo que conformarse con dar catro bufidos. Os catro goles foron cousa dunha España señorial que non sabe de biscottos, pero si anda
sobrada de fútbol. Só nos queda gañar o Mundial de Brasil en Maracaná e ante os anfitrións. Se o logramos, será mellor falar con Platini e acordar levantar o pé para non tumbarlle este tenderete.

Comentarios