A ciencia non xoga ao fútbol

A SELECCIÓN española sobrevive na indixencia. Non saben que inventar, a quen recorrer, onde atopar fondos para manter o nivel de excelencia. Admirable, punteira, nos primeiros postos a nivel mundial, hoxe retrocede a pasos axigantados. Mentres os países desenvolvidos avanzan, España recúa. Si, a gloriosa selección volve a niveis de 1998.

Non falamos de fútbol, pouco relevante para o futuro de país. Fálase da selección de científicos que posou con camiseta vermella para denunciar políticas que converten España en algo irrelevante.

Ao marxe da catarse que supón o fútbol para un país adurmiñado, por veces enfurecido, o cerebro debera contar máis que os pés, os laboratorios que os estadios, os microscopios que as botas de fútbol. Preocupa a lesión de Diego Costas pero non que Luisa Botella teña que participar en concursos televisivos e vender lotería para seguir investigando enfermidades raras, ou que unha doutora do seu equipo acabara nunha chacinaría. Por iso un grupo de investigadores vén de presentar o documento ‘Descapitalizando a ciencia’. O recorte do 36% desde 2009 supón 3522 millóns de euros menos. O CISC perdeu 500 millones e 2.600 postos de traballo desde o inicio da crise. Velaquí un once de luxo: Margarita Salas, bióloga membro da Academia de Ciencias USA; JL Arsuaga, catedrático de Paleontoloxía, codirector do xacemento de Atapuerca; María Blasco, directora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas; J.I. Cirac, director da División Teórica do Instituto Max Planck alemán; Valentín Fuster, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III; P. Puigdoménech, profesor no Centro de Investigación de Agricultura Genómica CSIC; o paleontólogo José Luis Sanz; o biólogo marino Carlos Duarte; a investigadora da Complutense Celia Sánchez; o químico Avelino Corma, Premio Príncipe de Asturias de Investigación; o físico Pedro Echenique. Tamén están os bioquímicos J.Carlos Izpisúa e Joan Massagué, especialista en cáncer. Unha selección imprescindible para o país.

A situación de emerxencia actual pode colapsar a sistema científico e volver ao «que inventen ellos» de Unamuno. O noso 0,52% do PIB para I+D está a anos luz do 2% da media europea e do inalcanzable 3% do PIB proposto para 2020.

Dicía Severo Ochoa que sen investigación non hai desenvolvemento. Está a pasar: España retrocede en benestar, en educación, en sanidade, en dereitos sociais, en ciencia, e pode perder toda unha xeración de científicos. Que un futbolista gañe máis que toda unha selección de científicos éche a diferencia entre un país desenvolvido e un do terceiro mundo. Aínda queda esperanza: mentres o país se paralizaba diante do balón redondo, a marea vermella da ciencia non xogaba ao fútbol.

Comentarios