"Se teño que elixir un xénero, prefiro a comedia porque se valora pouco a arte que fai rir"

Cibrán Tenreiro: "Hai un cambio con respecto ao modo de documentar a escena ‘'underground'’ galega"

As catro deputacións galegas, xunto á Academia do Audiovisual, foron as encargadas de premiar a cinco mozos investigadores, entre eles Cibrán Tenreiro, con raíces na parroquia vilalbesa de Lanzós. O director coruñés levou o premio ao Mellor Ensaio Escrito en Galego co seu texto '‘Equilibrios precarios'’
Cibrán Tenreiro
photo_camera Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro, director con orixes na parroquia vilalbesa de Lanzós e vinculación coa guitiricense dos Vilares, é o autor do documental ‘Entrar aos Vilares’, seleccionado para a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. E o pasado mes de xuño foi un dos gañadores do I Premio Mari Luz Morales en investigación audiovisual, na categoría de Mellor Ensaio Escrito en Galego.

Que significa o premio?

Estou moi contento con el porque é un recoñecemento que me anima a seguir escribindo e investigando, que me vén dicir que o que eu pense e os temas que trate poden ter valor para outra xente. Especialmente, se teño en conta que vén da Academia Galega do Audiovisual e que axuda precisamente a que o texto teña máis difusión en vez de quedar restrinxido ao ámbito universitario. Faime moita máis ilusión. Máis aló de ter levado un dos premios, paréceme fantástico que a academia promova o pensamento sobre o audiovisual.

Gañou o premio co ensaio ‘Equilibrios precarios’. Como o describiría?

É un ensaio sobre os vídeos que recollen a escena ‘underground’ galega, que xira nos últimos anos arredor de espazos autoxestionados e colectivos de autoedición como O Liceo Mutante de Pontevedra, A Nave 1839 da Coruña, Seara Records ou Porno. Cando se estuda o cinema que recolle actuacións musicais, faise condicionado polo éxito dos grupos filmados, e obvianse normalmente este tipo de rexistros que cumpren funcións sociais diferentes e teñen un interese estético particular. Combinan elementos do cinema doméstico, como unha certa idealización ou a atención a elementos de carácter íntimo, con outros de carácter promocional. Desvían tamén a atención dende o escenario cara o público recollendo toda a actividade das persoas da escena e rexeitan a estética profesional das realizacións de concertos. Supoñen, a través da súa difusión nas redes sociais, un cambio con respecto ao modo tradicional de documentar as escenas, o fanzine.

"Comercial e artístico non teñen que ser os únicos prismas donde encaixen todas as manifestacións culturais"

Cal era o obxectivo?

A miña intención era poñer en valor un tema que queda normalmente fóra das discusións sobre o audiovisual por tratarse dunha manifestación que non encaixa nos estudos dende o prisma do comercial nin do artístico.

Un prisma distinto como o que lle deu ao seu documental ‘Entrar aos Vilares’.

Si, vén dunha iniciativa da asociación Lareira de Soños, na que participa o meu pai. Pastora Veres estaba comezando a escribir un libro sobre a parroquia dos Vilares e preguntáronme se querería complementalo cun traballo audiovisual. Como o libro explica o lugar dende a perspectiva dunha persoa que naceu alí, os meus compañeiros e eu decidimos tentar falar do lugar dende o noso propio descoñecemento del.

Que supuxo a selección da súa peza para a Mostra do Cine Etnográfico?

Para nós foi un recoñecemento moi bonito, porque tiñamos dúbidas con respecto ao interese ou valor que puidese ter o filme, quizais porque nos expoñemos moito nel. O feito de que o xurado entendese as nosas intencións fíxonos moita ilusión.

Este ano convértese en director do Ciclo de Cine Turista de Santiago. De onde xurdiu a idea?

O ciclo encádrase no convenio de colaboración entre o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Cineclube de Compostela. Dende hai un par de anos, este último vén achegando traballo a varias actividades que se levan a cabo no museo, entre elas a programación deste.

Por que é o turista o fío conductor deste ciclo?

Pensamos que o turismo e o cinema están moi ligados por ser actividades da mirada, e ao longo da historia do cine os tratamentos da figura das e dos turistas son feitos dende moitos xéneros diferentes. Ao tratarse de xente que se despraza a lugares que descoñece, entran sempre en xogo choques culturais coas persoas locais, ou grandes expectativas con respecto á influencia que as viaxes poden ter na vida.

Hai gran parte de comedia nel. É por algún motivo?

Había certa vontade de facer un ciclo de vocación popular, e nese sentido acabou tendendo se cadra máis á comedia, pero non dunha forma consciente. De todas formas, as comedias que imos proxectar son todas bastante atípicas.

Que significa para vostede a sétima arte?

É unha forma de expresión moi interesante que permite empregar as outras artes expoñendo mensaxes complexas de forma condensada e moi universal.

A súa familia promove ademais proxectos como a asociación Lareira de Soños ou a Nova Poesía Guitirica.

A labor da asociación responde á dinamización da parroquia dos Vilares levando actividades culturais ao rural e poñendo en valor a súa riqueza sen centrarse soamente no pasado. A Nova Poesía Guitirica é un exemplo semellante, difunde a obra dos poetas guitiricenses.

Comentarios