Choios cibernéticos

SE cadra é por causa da crise que todo abrangue e todos —ou case todos— padecemos polo que un acaba tendo a sensación de que algo hai que nos fai poñerlle máis atención a cousas nas que antes case non reparabamos e sente que se lle disparan antigos resortes avisadores de alertas case esquecidas, pero o caso é que, aproveitando o máis moderno sistema de comunicación persoal —polo menos dos que eu estou en condicións de utilizar—, comezan a chegarche unha chea de prometedoras mensaxes a través de internet polas que alguén avisa dos moitos choios que están ó teu alcance e dos que ti nunca saberías se non fose por este medio.

Así, onde antes recibías copia de falsas cartas de lacrimosa feitura atribuídas a importantes personaxes das artes, a política ou as ciencias, algunhas empalagosas oracións para salmodialas dúas ou tres veces cada día ou periódicas solicitudes de axuda económica para subvencionar a intervención cirúrxica que habería salvar a vida daquela nena boliviana que nunca deixaba de ter nove anos de idade, agora recibes noticia desinteresada dos puntos da estrada nos que os axentes de Tráfico adoitan colocar os radares cos que controlan os excesos de velocidade do teu automóbil, advertencias sobre os correos que non debes abrir se non queres ser devorado por unha violenta grea de famentos virus, fórmulas que se din auténticas da composición de determinados productos alimenticios con tallantes advertencias do mal que poden provocar na túa saúde e unhas confusas explicacións das razóns que as autoridades sanitarias teñen para non os prohibir, infalibles sistemas para mellorar sensiblemente o teu rendemento amatorio, a comunicación, cun certo aire de reserva, dos dispendios que certas cadeas de supermercados están dispostas a facer por ti ou —e isto si que ten o seu aquel— a noticia fidedigna provinte dun prestixioso bufete de avogados madrileños pola que sabes que o señor Bill Gates, supoño que farto de ser o home máis rico do mundo, anda a repartir a súa fortuna entre todos aqueles que coma ti teñan a sorte de resultar sinalados polo dedo indicador deses seus encomendeiros na capital do Reino, que aseguran unha e outra vez a veracidade da información e insisten na suculenta cantidade de dólares que pode vir dar ás túas mans sen máis esforzo pola túa parte que o de lles comunicar non sei cantos enderezos electrónicos de xente formal á que ti lle mandaches esa mesma mensaxe.

E se ti, como é o meu caso, pensas que non debes facelo, aínda sabendo que nunca vas saír de pobre, quedas exposto a que alguén en algures poida botarche en cara que ti lle negaches un día a posibilidade de guiar hoxe un flamante Mercedes...

Pois ben, haberá que vivir carretando esa culpa.

Comentarios