Chivos expiatorios no pupitre

A ESCOLA PÚBLICA, que está a recibir torpedos de desprestixio na liña de flotación, soporta múltiples esixencias. Pídeselle que forme aos alumnos nunha alimentación sa. Previr epidemias como a sida. E preparar para a multiculturalidade. Terá que formar no eido da sexualidade. Abrir os ollos contra o consumismo. Se lle esixe que eduque contra o botellón. Debe ser a base da integración lingüística dun país complexo como o noso. Vacinar contra o maltrato de xénero e a brutalidade machista. E potenciar actitudes ecolóxicas contra a depredación medioambiental. Esiximos á escola que eduque para a tolerancia. Obesidade, pantallas, sedentarismo, tantas asignaturas pendentes nas aulas. Debe, debe, debe. As columnas do debe e do haber están descompensadas. Porque ao anterior convén engadir cousiñas como lectura, escritura, filosofía e matemáticas, historia, física e música... E ademais debe preparar para enfrontarse á vida e a un futuro laboral incierto.

Abrimos as noticias de cada día: unha paisaxe sombría. Nunca a escola recibíu tantas críticas, nin o profesorado sentíuse tan maltratado. Os valores que atesoura, a entrega persoal e vocacional, o feito de ter un papel destacado na cohesión social e na igualdade soportan ataques máis cerca do insulto que da crítica construtiva.

A escola pública, depositaria das esperanzas do progreso das persoas e da sociedade, é o chivo expiatorio dos problemas actuais. Botámoslle a culpa do que nos agobia ao tempo que esperamos dela todas as solucións. Iso si, os políticos falan coa boca grande da educación nos programas, pero cando chega a hora de pagar as facturas, a cultura, a escola son a cincenta das institucións.

A educación está sometida desde o inicio da democracia ao castigo dun vaivén de reformas que impiden ao profesorado un traballo serio. Iso é responsabilidade dos políticos. A educación en España é o pano que Penélope nunca termina de tecer, a pedra que Sísifo empuxa con infinito traballo ata o cumio para ver como volve caer. Aquí os plans nunca son definitivos, todo semella fráxil, efémero, errático. Iso non é culpa dos profesores.

No medio da crise atopamos unha cabeza de turco: o profesorado. O populismo, a negatividade, a mirada catastrofista semella que máis que amañar tenta afundir -intencionadamente?-, o prestixio da escola pública. Que pasaría se miramos coa mesma crueldade, a mesma demagoxia, a xornada laboral, vacacións, soldos, coches oficiais, a eficiencia dunha clase política incapaz dun mínimo acordo para sacarnos deste burato negro?

Bendita escola, imprescindible escola diana dos ataques dun neoliberalismo desapiadado que necesita un chivo expiatorio sentado no pupitre.

Comentarios