Chévere rememoriza

Chévere rememoriza e nós atendemos. Rememoriza e a parodia foi cara a eles, porque non hai mellor xeito de explicar o mundo que como parodia que só admite humor desesperado. O humor é deles, pero a desesperación xa sabedes a quen lle corresponde
Miguel de Lira
photo_camera Miguel de Lira

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

QUIZAIS O TEMPO non exista. Pode que sexa unha dimensión manipulable. Pero é difícil non crer na súa existencia cando nos poñen fronte a unha referencia recoñecible, cando quedamos fronte ás mesmas accións cun monte de anos polo medio. Sen ánimo de afondar: as mesmas cousas non significan o mesmo en momentos diferentes do tempo.

Chévere está rememorizando e a palabra pode valer para explicar que a compañía está mirándose nun espello que devolve unha imaxe que debera ser anterior pero é presente ou vale para explicar que está facendo memoria diante de novos públicos: alimenta o paradoxo de explicar o pasado a xente que non pasou por el.

Tamén sorprende o ánimo con que Chévere define a recuperación de Río Bravo ou Annus Horribilis como arqueoloxía porque, no fondo, é demostración de que queren dar un salto conceptual difícil: queren descubrir como eran e queren facelo mentres furgan nese presente continuo que é unha obra de teatro. Están no equilibrio de volver atrás sen desfigurar o presente, de actuar agora sen faltarlle ao pasado.

Os espectadores están sometidos a esa mesma tensión dos contrarios. Pero só aqueles que conserven a imaxe desas dúas obras que agora comezarán a superpoñerse na imprecisión con que se comporta a memoria. 

Hai trinta anos pensaba que o teatro debía facerse como xogaban os iugoslavos ao baloncesto. Con desenvoltura, imaxinación e sen ortodoxia. Máis profundidade que extensión. Un pouco de descaro fai falta. E non perderlle a cara á obra. Chévere entraba moi ben nesas contas. Agora non existe Iugoslavia. Eu sigo pensando máis ou menos igual. Chévere rebuscou nos sinais, moeu o humor, fixo asaltos poéticos e tropezou con algunhas ideas ás que lles faltou tempo para que o público madurase con eles.

Seguindo a traxectoria de Chévere, entre Río Bravo e Citizen, por exemplo, teríamos que ter chegado á conclusión de que o mal non ten pensado acougar, pero tamén teríamos que concluír que a compañía non abandonou a parodia como linguaxe para explicar o mundo. Só foi buscala a outro lado. Chegou a unha conclusión que vale ben para estes trinta anos que pasaron desde que a compañía debutou. Trinta anos e tres crises, trinta de nación bonsai, trinta anos de cultura autonómica, tres décadas dun teatro un algo renuente a chocar co público. Poño trinta anos e cada quen pode escribir o transo que supuxo...

Se Chévere quería facer parodia de verdade non tivo máis remedio que achegarse á realidade. Porque nestes trinta anos se hai algo que quedou claro é que a realidade se volveu paródica. Unha mala copia de si mesma con eses tres segundos de retardo que demostran a manipulación. Chévere viuno antes. Porque a parodia é xa a única forma que nos explica por enteiro. Incluso no que teña de paródica a frase.

Comentarios