Chendo Fernández: ''Vivir la emoción del público directamente desde el escenario no se paga con nada''

O BURELÉS afincado en Madrid Chendo Fernández Lestao non podería estar máis emocionado do que xa está. A razón: presentar ante os seus máis achegados o seu primeiro traballo dramático profesional, posto que ten un dos papeis protagonistas na obra ‘Sumergirse en el agua’, que a compañía madrileña Factoría Teatro trae a Burela este venres. Serán dúas funcións, ás 13.00 horas para os alumnos dos institutos e ás 21.00 para o público xeral.

Que aborda esta peza?

É unha obra bastante coral, somos seis actores, e xira en torno ó personaxe de Iván, que interpreto eu. Fala dos conflitos dos adolescentes para adaptarse ó seu entorno, de temas como a violencia, a intransixencia, a intolerancia, o racismo, a falta de adaptabilidade que temos hoxe en día neste mundo tan individualista e tamén da relación entre pais e fillos.

Como é Iván?

Ten 16 anos e é un chaval bastante acomplexado, vulnerable, que está aínda na busca de si mesmo e déixase levar por malas influencias porque non ten unhas referencias paternais fortes. Está perdido toda a obra, o que lle fai irse por malos camiños.

Como preparou o personaxe?

Empezamos o ano pasado, ensaiamos no verán e estrenamos en setembro. Non me costou demasiado traballo meterme no papel, conectei bastante co personaxe. O máis difícil foi darlle xestualidade propia, corporalidade, porque eu teño andares moi diferentes ós que ten el. Costoume máis darlle vida física que psicolóxica. O meu personaxe transita por moitos estados de ánimo: ira, rabia, rencor, alegría... e eso para un actor é un luxo porque podes pasar por todo.

En que outros lugares actuaron?

O puntazo desta obra foi estar un mes no Teatro Cuarta Pared, que está no centro de Madrid. É unha sala na que se move bastante o ambiente profesional e foi bastante ben. Logo estivemos de xira pola comunidade de Madrid, Guadalajara, Castela A Mancha, agora Burela e en xaneiro imos a Barcelona unha semana.

Como é que chegaron ata Burela?

Eu quería traer a obra aquí, facíame ilusión. Propúxenllo ó produtor e á directora e estaban encantados con poder traela. Logo contactei con Neves Cando e axudounos, desde o Concello estuveron moi predispostos desde o primeiro momento.

Como se meteu no mundo da interpretación?

Son cantante á parte de actor, e antes de vir para Madrid estiven facendo teatro universitario en Santiago. Logo estiven en Luar cantando un ano e quedei cuarto no concurso de cantar. Ós 24 anos vínme para Madrid estudiar teatro e cine, fixen varios cástings e participei de extra nun capítulo de ‘Aída’. Hai dous anos empecei con esta obra e agora colléronme para outra montaxe que fai a compañía. Estou moi contento, aínda que é un traballo moi inestable porque hoxe tes, e mañá non.

Que lle gusta máis, cantar, o teatro, a tele..?

Gústame moito todo. Cando actúas tes un texto, un compañeiro, unha posta en escea, pero cando cantas estás espido ante o público. Iso éncheme máis, pero actuar tamén, non me podo decantar. Ensaiando escenas para televisión dinme conta do bonito que é o teatro. Interpretativamente, vivir a emoción do público directamente desde o escenario non se paga con nada, e eso na televisión ou no cine non pasa.

Hai algún actor ou personaxe que lle sirva de inspiración?

Vexo moito cine clásico. Adoro a Liza Minelli, Liz Taylor, Bette Davis... Esa enerxía é rara vela agora nos intérpretes. Tamén as películas de Hitchcock, que teñen papeis moi desgarrados, e as de Almodóvar.

Comentarios