A chegada do mensaxeiro

A imaxe máis ilustrativa para describir o que ocorre con ocasión dun cambio tecnolóxico cara á cibernética, a informática ou o mundo virtual, que antes só existía nos contos das mil e unha noites, conséguese se o lector se pon na pel do mestre Mateu. Fagamos un esforzo e vexámonos coma el o día no que ten a medio rematar o seu maxestoso Pórtico da Gloria.

Todas as figuras da esquerda están finalizadas. Daniel sorrí ante a visión dos ateigados peitos da raíña de Saba, aínda non acernados, Moisés sostén as táboas da lei e na parte inferior, as aguias, leóns e osos xa ocupan as bases para dar que falar se forman parte do inferno, se son o pecado ou representan os males apocalípticos.

O mestre sorrí satisfeito porque o comprace o que fixo ata ese momento. É máis, todo o que falta para completar o seu porticado monumento está perfectamente planificado na súa cabeza e nos apuntamentos que garda celoso nun lugar secreto do obradoiro dos canteiros.

Nese momento chega un emisario dende afastadas terras. Uns cren que fixo a viaxe dende Roma, outros conténtanse con facelo chegar dende algún punto de Castela e os máis arriscados mesmo aventuran que cabalgou dende Xerusalén. O que si é certo é que trae noticias inquietantes. Na cristiandade sopran ventos de cambio. Din que as ferramentas de percusión dos canteiros, as cuñas, mazos, buxardas e escodas, están obsoletas e que van ser substituídas da noite para a mañá por aparellos que chaman eléctricos e que sabe o demo como funcionan. Tamén os ciceis, formóns, cepillos e escoupros están ameazados. Quizais o mensaxeiro estea ao tanto de todos estes rumores.

E en efecto, o home anúncialle ao mestre Mateu que mañá chegarán carros e carretas coas novas ferramentas e que todos se deberán afacer a elas, pois o traballo aprema e destoutra forma o pórtico estará rematado antes do 25 de xullo, cando se espera a chegada do papa e do resto de autoridades. Mateu acaricia a súa barba e retírase preocupado.

Por sorte ou por desgraza para o creador do Pórtico da Gloria esta escena xamais se produciu, porque ata os anos finais do pasado século, nunca o home se enfrontou a un cambio tecnolóxico tan radical e contundente que apenas lle deixaba tempo para asimilar o que estaba a suceder.

No caso concreto do oficio de imprimir, todos os avances que se rexistraron dende que Gutenberg ou Coster inventan o tipo móbil, sendo transcendentais polas vantaxes que foron achegando, apenas supuxeron conmocións entre os traballadores do gremio, coa excepción da aparición da linotipia, unha máquina que pola súa complexidade esixiu un grande esforzo de aprendizaxe para os operarios afectados pola novidade.

Os traballadores de El Progreso, como fixeron antes ou despois os dos restantes medios impresos e como fai o mestre Mateu na ficción inicial, víronse obrigados en 1981 a se despediren de todas as ferramentas utilizadas ata daquela e a se somerxeren nun mundo novo, que lles facilitaba, en efecto, o seu traballo, pero que tiña o custo inicial do descoñecido.

Durante varias semanas foi necesario atender a confección diaria do xornal compaxinándoa co adestramento nas novas técnicas. O esforzo foi ímprobo, pero nada comparable ao que nos agardaba unha vez decidida a data do cambio definitivo, o momento no que cesaba a fundición en chumbo e comezaba a fotocomposición. Sabiamos que se non dabamos o paso, xamais nos formariamos o suficiente, e por outra parte, manter as dúas actividades, –o traballo do xornal que saía á venda e o que se facía como aprendizaxe e ensaio-, tiña prazo de caducidade polo cansazo que implicaba. Por iso, aínda sabendo que nos faltaban horas de voo para manexármonos con soltura en fotocomposición e informática, o día 18 de setembro lanzámonos sen rede e xubilamos o chumbo.

José María Álvez recolle nesta selección fotográfica o traballo deses últimos días e das primeiras horas co novo sistema. Unha fotografías que hoxe son parte da historia da cidade porque simbolizan o que supuxo en todos os lugares de traballo a chegada desa mensaxe afastada que o mestre Mateu xamais viu entrar polo Obradoiro.

Comentarios