Chega o Nadal á provincia de Lugo coa apertura do belén eléctrico de Begonte

Nava Castro leu o pregón nos actos inaugurais do belén electrónico de Begonte, unha "enciclopedia" do rural galego
Primeiro pase do belén de Begonte
photo_camera Primeiro pase do belén de Begonte

Dende que San Francisco de Asís montase o primeiro belén hai 800 anos, foron moitos os nacementos que acadaron relevancia e entre eles, non podería faltar o electrónico de Begonte, unha "enciclopedia" do rural galego, un manual prodixioso no que cada conxunto de figuras é un capítulo da vida de Galicia, tal e como escribía Pepe Pol e lembrou onte no seu pregón inaugural a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

A pregoeira da cuadraxésimo cuarta edición do Nadal en Begonte destacou o nacemento como un referente a manter e a potenciar, único polo seu arraigamento popular, o seu valor cultural ou a súa creatividade, razóns todas elas que avalan que fose "de xustiza" que se declarase Festa de Interese Turístico de Galicia. Castro destacou que datas tan sinaladas coma as do Nadal, "con paz, amor e xenerosidade no ambiente", servirán este ano ademais de preludio perfecto para a celebración do Xubileo Extraordinario da Misericordia e a apertura da Porta Santa, un fito que atraerá a Galicia numerosas peregrinacións.

E é a que a pregoeira non se esqueceu tampouco de que por Baamonde pasa o Camiño Norte, declarado Patrimonio da Humanidade, que no que vai de ano recibiu uns 15.000 peregrinos, nin de moitas outras riquezas coas que contan Begonte, Lugo e Galicia.

Castro leu o pregón no decurso da tradicional misa que precede á apertura do belén, a cuxo remate ofreceu un recital de panxoliñas a coral polifónica do Centro Artístico Sportivo de Ponteareas, dirixida por Ángel Viro Caamaño.

Os primeiros pases do belén electrónico de Begonte sucedéronse a continuación, ante a atenta mirada de pequenos e de maiores, que tiveron a oportunidade de ver funcionar a nova figura elaborada por Eduardo López Calvo, profesor do Politécnico de Lugo, en lembranza de José Rodríguez Varela, ou o museo de pezas do belén que tamén leva o seu nome.

Comentarios