Chávez e o Povo

Escribo esta columna algo atordado e afectado. Sacudíndome aínda o shock. Hai apenas un par de horas Nicolás Maduro, o vicepresidente do Goberno Bolivariano de Venezuela, asumía a terríbel tarefa de lle comunicar ao seu pobo e ao mundo a morte do Comandante Presidente Hugo Chávez Frías. O fervedoiro das redes sociais freou nos primeiros momentos a reacción e o impulso emotivo que me provocou a nova.

Chávez foise loitando contra o embate dun cancro, unha doenza cruel como poucas que segundo os expertos afectará nos próximos anos a unha de cada tres persoas. A súa morte bate en moitos de nós coma un golpe, por encarnar unha das referencias máis lúcidas e comprometidas da esquerda mundial. Por ter sido un facho colosal logo de décadas de escuridade tras sepultar o soño socialista baixo o muro de Berlín. Coma Fidel, Chávez foi un xigante da ética e da solidariedade internacionalista, a nítida expresión do amor á humanidade que partillamos todas e todos os que arelamos a nova sociedade, a muller e máis o home novos.

Para a miña xeración, a de quen nacemos poucos anos antes do derrube da Unión Soviética e das experiencias de socialismo real en Europa, a revolución bolivariana que Chávez liderou en Venezuela, e que se estendeu polo continente como unha mancha de esperanza en forma de ALBA, de Unasur ou de CELAC, é --xunto Cuba-- das poucas referencias contemporáneas que demostran coa súa práctica que non é utopía facermos posíbel o necesario. Que a conquista do ben común, da xustiza social, da igualdade e da liberdade (real) son metas factíbeis.

A redución do desemprego á metade, a elevación do salario mínimo (de 120b$ a 1.548) até o situar como o máis alto de toda latinoamérica, o incremento continuado do gasto social até o 62% dos ingresos totais (case o dobre de porcentaxe que na década anterior), a redución da pobreza extrema do 25% en 1998 até o 8,9% en 2011, a redución da fame e malnutrición, o alargamento da escolarización, a redución á metade da mortalidade infantil e a mellora da saúde materna, o aumento do IDH até o 0,75 e a redución do coeficiente Gini que mide a desigualdade até o 0,38 (o indicador vai de 0 a 1), ter logrado ser segundo país latinoamericano (detrás de Cuba) con maior matriculación universitaria e quinto a nivel mundial (o Estado español ocupa o undécimo) ou o incremento da esperanza de vida en case catro anos até os 74. Son algúns dos principais datos que ilustran o impacto de 14 anos de revolución bolivariana baixo o liderado de Chávez (vencedor incontestábel de 17 procesos electorais), aos que cómpre engadir tamén melloras substancias nas condicións laborais ouo desenvolvemento dun novo modelo democrático na transición ao socialismo, asentado en importantes e valiosas experiencias de poder comunal.

Fico certo e esperanzado de que as clases populares venezolanas seguirán a pular polo avance da revolución bolivariana rumo a construción do socialismo, de que non deixarán perecer os importantes logros acadados até agora, de que non haberá ningún paso atrás. De que a forza do seu exemplo halles servir de alento para o avance vigoroso cara ao socialismo. Nese propósito o pobo traballador venezolano sabe que poderá contar sempre coa nosa imperturbábel solidariedade e apoio.

Marchou o Comandante mais a súa revolución proseguirá a marcha, porque hai ben tempo que Chávez é o povo. Para disgusto do imperialismo.

Comentarios