A Chave das Noces celebra o seu aniversario cos veciños de Castroverde

Promove este sábado en Castroverde concertos, xogos e un xantar popular
O mago Antón, hai un ano na inauguración do centro social
photo_camera O mago Antón, hai un ano na inauguración do centro social

O colectivo A Chave das Noces, de Castroverde, celebra este sábado cos veciños o seu primeiro ano de vida cunha gran festa no seu centro social, o antigo restaurante Camiño Ancho, que incluirá actuacións musicais, unha función teatral, xogos e un xantar. 

A entidade, que iniciou a súa actividade no outono de 2015 con outra xornada con variadas propostas lúdicas, moi concorrida, comezou os actos polo seu primeiro aniversario ás 13.00 horas, cunha sesión vermú con Leña Verde, de Pol. Trala comida, tamén no local social, arrincou un aberto de billarda e houbo xogos populares para nenos, co apoio da empresa de animación Vingolea. 

Ás sete da tarde será o turno do teatro. Así, a compañía A Ravela representará ‘Balbina, a adiviña’, do ciclo Buxiganga, e tamén haberá contacontos para os máis pequenos. Unha hora despois volverá a música, con Os Juanpiño’s, e ás oito e media da tarde anunciaranse os gañadores dun concurso de fotos antigas de Castroverde impulsado pola entidade. Pola noite, o peche musical da festa correrá a cargo do grupo lucense Filophóbicas e DJ Gore Proyect. 

O colectivo cultural aspira a crear un arquivo de imaxes antigas de Castroverde e quere pór en marcha un servizo de biblioteca

BALANCE POSITIVO. A presidenta de A Chave das Noces, Alexandra Cabana, facía este venres, en plenos preparativos da festa, un balance "moi positivo" deste primero ano de vida da entidade, que xa logrou superar a barreira dos cen socios, co reclamo dunha programación estable e variada con propostas para nenos e adultos. "Era unha aposta moi grande por facer no plano cultural algo distinto ao que había en Castroverde, cun centro de referencia con actividades cada fin de semana", destacou. 

Dende a festa inaugural de hai agora un ano, sucedéronse no antigo Camiño Ancho dende cursos, concertos e funcións teatrais e de maxia ata charlas e mesmo xornadas con prestixiosos ponentes para reflexionar sobre temas de actualidade, como a situación do sector lácteo. "Quixemos tamén incidir nos problemas das persoas abrindo eses debates", explicou Cabana. "O primeiro ano sempre é de proba-erro, de ver que propostas funcionan e cales non, e estamos moi satisfeitos da acollida que tivemos", sinalou. 

Sobre os retos de futuro, o colectivo aspira a asentarse como referencia cultural, chegar a máis xente e afondar na recuperación de patrimonio histórico como as fotos de Castroverde, co obxectivo de crear un arquivo, Tamén abrirá un servizo da biblioteca.

Comentarios