Chamáronlle Liberdade

KENIA FÍXOSE independente de Gran Bretaña en 1963, despois de anos de resistencia, por veces pacífica e outras tantas violenta. Chegou un momento en que os colonizadores europeos entenderon que xa era tempo de dar fin a unha situación ilóxica e inxusta, xa que reducía aos cidadáns africanos a unha absurda minoría de idade. Así que estes celebraron a fin do imperialismo con xustificada ledicia e empregaron a palabra swahili ‘uhuru’ (que significa liberdade) para bautizar todo tipo de lugares como montes, parques. Tamén o primeiro presidente que tivo a nova nación africana, Jomo Kenyatta, chamou así a un dos seus fillos, que vén de ser elixido presidente de Kenia nas eleccións celebradas este mes. Uhuru Kenyatta representa a modernidade africana, xa que pertence a unha xeración de profesionais e políticos que son quen de poñer ao continente na senda do progreso. Moitos europeos aínda teiman en asociar África ao atraso e a barbarie; a escritora Doris Lessing xa dixera que nos gustaba usar ese continente como unha percha na que colgar os nosos problemas psicolóxicos. De feito, son moitos os políticos, sindicalistas ou simples cidadáns que fan comparanzas despectivas e desafortunadas co primeiro país africano de nome exótico que se lles ven á boca. Aínda lembramos o comentario que fixo Rajoy cando quixo facer da febleza virtude para sacar peito ante Europa, co argumento de que «España non é Uganda». Pois ben, o presidente español tivo que comer as súas palabras cando desde a propia Bruxelas lle lembraron que esa nación africana estaba medrando a un ritmo maior que o de España (cousa nada difícil, por outra parte). A realidade é que, máis aló dos problemas concretos na zona subsahariana, en Somalia ou no Congo, África pasa hoxe por ser o continente de maior ritmo de desenvolvemento tanto económico como humano (caída das mortes por infección, aumento da escolaridade, fortalecemento da democracia). Todo isto ten que ver coa chegada ao poder de xente ambiciosa e ben formada como Uhuru, titulado por unha prestixiosa universidade americana e que pode tutear a calquera líder occidental. Claro que ao tempo que recoñecemos os seus méritos tamén vemos como el representa o nepotismo e o elitismo das clases dirixentes. Non será ata o día en que o fillo de calquera keniano teña un posto escolar que se poderá dicir que aquela liberación de hai cincuenta anos tivo verdadeiro sentido.

rebulir

Uhuru Kenyatta representa a modernidade, pertence a unha xeración de profesionais e políticos que son quen de poñer a África na senda do progreso

Comentarios