A Chaira aventúrase a todos os públicos

Cinco empresas da bisbarra ofrecen actividades de turismo activo especializado durante os doce meses do ano ► diversidade. Paintball, tiro con arco, rutas a cabalo, quads, vela, buggies ou kaiaks son algunhas das opcións das que dispón o usuario
Actividades organizadas polas empresas de turismo activo da zona
photo_camera Actividades organizadas polas empresas de turismo activo da zona

Hai combinacións infalibles, esas que sempre funcionan e ás que é imposible dicir non, como churrasco e patacas, sofá e sesta, cervexa e fútbol ou natureza e aventura. A Terra Chá dispón de infinidade de recunchos por descubrir e é ideal para realizar turismo non estacional. A proliferación desde hai uns anos de empresas de turismo activo, deportivo e de aventura aumentou exponencialmente as posibilidades de todos aqueles que se acheguen á bisbarra.

A accesibilidade a todos os petos e a posibilidade de goce en familia fan do turismo activo a opción ideal para as fins de semana

A premisa, e quizais aí resida o segredo do seu éxito, é a súa sinxeleza, capacidade de adaptación e flexibilidade para todos os petos. Non é necesario un gran investimento para pasar unha fin de semana -só ou con amigos- de goce navegando sobre as augas tranquilas dun río ou percorrendo sendeiros no lombo dun corcel. O pensamento de «iso non é para min» foi morrendo tanto na mente colectiva do empresario como na do usuario non iniciado, polo que o futuro destas actividades parece destinado a continuar medrando.

Unha das empresas que ofrece actividades individuais e paquetes multiaventura é Non Estreses. A firma begontina leva xa varios anos diversificando a súa oferta para que poida chegar a todos os públicos.

Baixo o fundamento principal do respecto ao medio ambiente, Ernesto González, responsable da sociedade, pretende que a xente de fóra coñeza a bisbarra a través da interacción co seu medio natural. «As nosas actividades van dirixidas a un público de xente con ganas de coñecer a zona, aproveitando a coxuntura de poder vela desde diversos enfoques», explicou González, facendo referencia aos distintos tipos de propostas que ofertan en Non Estreses.

Estas actividades varían dependendo da época do ano: «Vimos de rematar a tempada de verán e agora comezamos unha enfocada ao barro e ao mal tempo», indicou o responsable da firma begontina, que quixo destacar entre estas posibilidades «opcións como a recollida de cogomelos, magostos ou a nova actividade de condución de vehículos 4x4».

González recalcou o carácter «turístico e nunca competitivo» das alternativas que brindan: «No caso do 4x4 queremos dar a coñecer o contorno, pero circulando sempre por zonas permitidas, nunca por espazos protexidos».

"A franxa de idade do público vai desde os tres anos ata os 80, a aventura pódese vivir cos amigos ou coa familia"

Non Estreses, como a maioría de empresas de aventura, non posúe un rango de idade definido dos seus usuarios: «A franxa de público vai desde os tres anos ata os 80. A aventura pódela vivir cos teus amigos xogando ao paintball, facendo tiro con arco ou baixando polo río Ladra en kaiak. No verán traballamos con pequenos porque facemos campamentos, con xente entre 25 e 30 anos polas despedidas de solteiro ou con familias enteiras que solicitan algún dos nosos paquetes con aloxamento para desfrutar dunha fin de semana enteira», engadiu.

Quen tamén ofrece multitude de actividades -e aloxamento- é O Cruceiro, na Pastoriza, un dos veteranos do sector. Á fronte desta particular taberna está José Rielo. Hai anos asistiu a formación de desenvolvemento rural e comprendeu cara a onde tiña que camiñar o seu negocio.

«Eu estivera en varias asociacións e plans de desenvolvemento, e dinme conta de que non había empresas de multiaventura», afirmou Rielo, que recoñeceu que ao principio «custou»: «Quizais non sabiamos ben como enfocar o negocio, pero fomos reorientándonos, potenciando certos servizos e a verdade é que imos aumentando o noso traballo».

"Temos un pack de 29 euros que inclúe tres actividades, un menú degustación e acceso a unha piscina climatizada"

A culpa dese aumento de traballo, entre outras cousas, pódeselle atribuír ao carácter adictivo do deporte de aventura: «Temos clientes fixos que veñen varias veces ao ano. Boa parte da xente que proba repite e acaba por converterse en habitual», indicou Rielo. E parece hasta lóxico, dados os prezos desde os que se pode gozar das instalacións e servizos da empresa. «Temos un pack desde 29 euros, que inclúe unha actividade pola mañá, un menú degustación e dúas actividades pola tarde, que se complementan cun acceso a unha piscina cuberta climatizada», comentou Rielo. Pouco máis se pode pedir.

"Temos clientes que veñen varias veces ao ano, boa parte da xente que proba repite e acaba por converterse en habitual"

O Cruceiro ofrece paintball, tiro con arco -ao aire libre e a cuberto-, rutas en kaiak, mountain bike, a cabalo ou en quad, sendo as pistolas de pintura as raíñas do lugar: «Do que máis traballo temos é do paintball, aínda que a verdade é que depende da época do ano. Os kaiaks funcionan moi ben no verán, pero loxicamente, no inverno non», asegurou o responsable da taberna.

Outra das actividades principais do Cruceiro son as rutas en bicicleta: «Facemos unha ruta curta, no contorno da Pastoriza, e outra máis longa, a ruta do Azúmara», explicou Rielo, que atribuíu á sinxeleza e á viabilidade para todos os públicos o crecemento do número de usuarios desta modalidade turística.

«O primeiro destacable é que te saes do ocio convencional. Fas cousas diferentes e que non conlevan risco. Por exemplo, o curso de tiro con arco fano cativos desde os oito anos. Non require unha condición física especial. O mesmo pasa coas rutas a cabalo ou co paintball. Priorizamos a seguridade, que a xente que quere practicar non necesite unhas condicións físicas perfectas. Isto chámalle a atención á xente», aseverou.

A seguridade tamén é unha premisa en Casa Cazoleiro, en Meira, especializada en rutas por toda a comarca, ben sexa a cabalo ou en quad. Álvaro López leva toda unha vida adicada ao negocio meirego, que adapta as súas virtudes ás necesidades do pobo: «Estamos abertos a clientes de todas as idades. Para o que nunca montou temos cabalos mansos, e se vén un rapaz novo, áxil e forte, pódese probar con un máis bravo», indicou.

Dende Cazoleiro fanse rutas por Meira: «Imos por onde nace o Miño, o Pedregal de Irimia, Pena das Corvas, a Serra de Meira, a Fraga de Candedo... Temos distintos itinerarios, dunha hora ou hora e media de duración. O mesmo para os quads, só que se sobre un cabalo nunha hora andas cinco ou sete quilómetros, no quad podes facer 30», engadiu López.

O responsable da casa de turismo rural explicou que o seu local recibe máis afluencia de público «durante o verán», aínda que as fins de semana longas «cando coincide un venres festivo ou hai pontes» son frutíferas durante case todo o ano.

Os usuarios das actividades de Cazoleiro teñen claras as súas preferencias: «As rutas funcionan tanto as de quads como as de cabalos, pero quizais vaian mellor as de cabalos. É o que máis gusta, é unha actividade diferente e moi bonita», concluíu.

A todas estas actividades, máis ou menos coñecidas, engadíuselle desde a pasada primavera unha nova perspectiva dende a cal admirar os sendeiros chairegos: os buggies.

Antonio Ramil, un ferrolán afincado en Cabreiros, decidiu sacarlle partido á casa familiar herdada no concello de Xermade e apostou por este tipo de vehículos, inéditos na provincia: «O turismo activo xa lle vai gustando á xente, pero o tema dos buggies en concreto é máis descoñecido. Porén, as persoas que veñen saen todas moi contentas», comentou o responsable de Buggies Ramil.

«A diferencia entre un buggie e un quad é a seguridade. Os buggies levan barras antienvorcamento, cintos e arneses. Son moito máis seguros, máis anchos entre vías e moi divertidos», apuntillou Ramil, que engadiu que á xente o que máis lle gusta é «mollarse e enlamarse».

"Á xente o que lle gusta é mollarse e enlamarse, no verán hai moito po e por iso agora é unha boa época"

Nese sentido, o responsable da iniciativa indicou que a tempada alta virá no outono e na primavera. «Comecei co negocio en abril e tiña expectativas postas no seu funcionamento durante o verán. En xullo, ao estar moi seco, levántase moito po; en agosto funcionei mellor e setembro foi bo tamén. Con frío excesivo tampouco se vai ben, así que ata decembro pódense dar datas boas, é unha boa época», afirmou.

"O bo dos buggies é que, ao ser bipraza, se alguén quere probar e non pode conducir pode pasalo igual de ben"

As rutas en buggie duran unha hora ou hora e media: «Damos unha volta por camiños de terra, asfalto e tamén polo monte. Variando o terreo. O bo dos buggies é que son vehículos bipraza. Entón, un que non poida conducir pásao ben igual. E se van dous, cámbiase o condutor a metade de camiño. O habitual é que veñan un grupo de catro ou seis amigos e que collan dous ou tres vehículos», explicou Ramil, que engadiu que as rutas poden «concertarse a través do teléfono ou das redes sociais» e teñen un custo de 40 euros por vehículo (unha hora) ou 50 (hora e media), vaian un ou dous ocupantes en cada un.

E quen tamén decidiu continuar no inverno cunha actividade moi ligada tradicionalmente ao verán foi o club de vela fluvial As Pontes. Os deportes náuticos no lago pontés están gañando cada vez máis adeptos, e dende esta sociedade, con Pepe Guerreiro á cabeza, consideran que sería unha irresponsabilidade aparcar esta paixón ata o próximo verán.

«A xente que proba, repite. Este ano, un dos motivos para seguir no inverno foi que viñeron moitos rapaces que saíron encantados. Gustoulles, e tanto o club como os pais quixemos potenciar as actividades e non facer un parón, xa que o inverno é moi longo», indicou Guerreiro.

O horario, iso si, será un pouco diferente ao do verán: «Imos ter actividade en fins de semana alternas, é dicir, unha semana si e unha semana non. Serán cursos intensivos, en lugar de repartir entre mañá e tarde, sobre todo pola temperatura, para non arrefriarse, saír e volver entrar», asegurou Guerreiro.

Neste sentido, o equipamento varía lixeiramente con respecto ao exercicio estival: «Hai que prepararse con roupas para combater o frío, pero a xente conciénciase soa e sabe que hai que adaptarse», lembrou o responsable do club pontés, que oferta cursos de vela, vela lixeira ou windsurf, todos cun elevado grao de asistencia.

No que coinciden a maioría dos responsables das empresas de ocio e de aventura é na procedencia dos seus usuarios, nunha alta porcentaxe galegos, pero doutras comarcas e provincias. «Veñen moitos da Coruña e de Pontevedra», explica Ernesto, de Non Estreses. «Entre o 60 e o 70% da nosa clientela é da provincia da Coruña», engade Rielo, do Cruceiro, o cal non indica que moitos chairegos non estean a tempo de coller o seu teléfono e realizar a que será a primeira de moitas reservas en calquera das entidades mencionadas.

Comentarios