César Manuel Carnero: ''Si perdemos el patrimonio, perdemos lo que somos''

LEVA QUINCE ANOS en Monforte e unha década na emblemática parroquia de San Vicente do Pino. César Manuel Carnero Rodríguez (Freituxe, Bóveda, 1963) é un cura que posúe unha sensibilidade especial para todo o que teña que ver co patrimonio e un pouco por iso a súa vida está a piques de dar un xiro importante.

Cal é o destino inminente de César Carnero?
Lugo. Hai un tempo que fun nomeado delegado episcopal para o Patrimonio Histórico Artístico da diocese de Lugo, era un traballo ó que ata agora lle adicaba un día á semana, pero agora precisa máis esforzo e iso obrígame a deixar San Vicente.

En que consistirá a súa tarefa?
Trátase un pouco de velar polo patrimonio que temos. Primeiro sacar adiante un rexistro de todos os bens e despois avaliar a situación de todo para ver ónde hai que actuar e qué inmobles precisan antes dunha intervención.

Pero esa non vai ser a súa única tarefa.
Efectivamente. Terei asignada unha nova parroquia que é a de San Pedro, dentro do casco histórico lucense. Alí compartirei traballo co actual párroco.

Tamén ten outro nomeamento recente.
A primeiros de semana fun nomeado membro do Cabildo da catedral de Lugo, algo que tamén me fai moita ilusión porque a catedral lucense tamén ten un alto valor patrimonial.

Nese eido, cal será o seu traballo?
As funcións están un pouco por determinar. O corpo do Cabildo está constituido por un grupo de sacerdotes que deben asumir distintas funcións relacionadas coa catedral. No meu caso parece probable que tamén teña que asumir tarefas relacionadas co patrimonio polas propias necesidades do edificio e tamén pola miña traxectoria. Pero é algo que se repartirá cando todos estemos incorporados.

Dicía antes que como delegado episcopal de Patrimonio fora nomeado hai tempo. Por que ten agora que desprazarse?
Un pouco polo que che dicía antes. Desprazarse un día á semana a Lugo para desempeñar esa labor non era suficiente e había que adicarlle máis tempo. Hai un volume de traballo bastante grande para asumilo dende aquí. Ten en conta que só co tema do inventario tratáse de documentar o patrimonio de 1.138 parroquias que ten a diocese.

Como se tomou o cambio?
Coma un servizo máis. É algo que forma parte da traxectoria dos Sacerdotes e así debo aceptalo. Por un lado gustaríame poder quedar máis tempo en San Vicente pola xente e pola reforma da igrexa pero, por outro lado, o meu novo destino tamén me presenta novos retos. A maiores, sei que para aquí vai vir o sacerdote Rafael Mella, que coñezo porque fomos compañeiros de estudos e creo que saberá sacar adiante a parroquia con éxito. Eu seguirei vinculado a Monforte, a miña previsión é vir aquí unha vez á semana.

Xa hai datas para o cambio en San Vicente?
O último domingo deste mes haberá unha misa ás 13.00 horas na Régoa que xa oficiará Rafael Mella Vázquez. Eu convido a todo o mundo a que se achegue á celebración para que o coñezan porque a partir diso o cambio será progresivo, de maneira que a mediados de novembro cada un estea instalado no seu novo destino.

Rafael Mella encargarase de San Vicente, pero á súa vez, el deixa A Pobra do Brollón.
Efectivamente, á fronte da Pobra e doutras parroquias próximas que atende Rafael quedará un cura moi xove que é Francisco.

Comentaba que unha das razóns que fan difícil a marcha é a obra de San Vicente.
Si porque a obra vai un pouco retrasada. Agora traballamos no pavimento e esperemos que para novembro esa parte esté rematada. Despois gustaríame que quedase montado o retablo de San Benito e outros porque creo que é primordial para a súa conservación. O malo é que dependemos das axudas públicas e precisamente este non é un bo momento económico para solicitar máis fondos ás administracións.

Que precisaría San Vicente para quedar en boas condicións a nivel restauración?
Temos que ter en conta que é un dos templos de primeira orde dentro do patrimonio lucense, que é case catedralicio, entón a xente que se encarga da xestión dos recursos debería telo en conta e plantexarse iso como prioritario. Por un lado porque é un ben de uso dos fieis, pero tamén polo seu valor artístico. A xente que vén a Monforte quere ver San Vicente e os Escolapios, son os princpiais elementos de interés e diso deberían ser conscientes os xestores dos recursos. E en canto a obras, en concreto o ideal sería que no próximo ano se redactase o proxecto de restauración da nave do templo e que despois se abordase o seu exterior porque tamén está en mal estado e ten moitas humidades e filtracións. Despois habería que ocuparse dos bens mobles, dos retablos e dos murais, entre outros aspectos.

Cales son os seus retos en Lugo?
Por riba de todo eu sigo sendo un cura e a miña prioridade é coidar ás personas a nivel de fe. Tamén e prioritario coidar o patrimonio artístico porque forma parte das nosas raíces e se perdemos as raíces tamén perdemos o que somos. Esforzareime ó máximo por atender a parroquia o mellor posible, a verdade é que me doe deixar isto, pero ó mesmo tempo tamén vou encantado.

Deixar Monforte significa deixar o colectivo Amigos do Patrimonio de Lemos?
Non. Terei que deixar a presidencia porque ultimamente xa era difícil atender esa responsabilidade, pero seguirei sendo socio e seguirei coa miña preocupación polo patrimonio da zona sur porque creo que é algo verdadeiramente maravilloso. Haberá que convocar unha asamblea e nomear nova directiva, pero o meu respaldo á asociación continuará.

Estará en Lugo, pero o seu corazón quedará en Monforte.
Claro. Meus pais, a miña irmá e as miñas sobriñas están aquí e eu, anque estiven en Lugo estudando e en Cataluña, sempre estiven  vinculado a Monforte polo que a miña preocupación pola cidade será a mesma.


DE PRETO. ''En Monforte sempre me sentín acollido e moi querido''

O seu novo cometido semella unha especie de ascenso.
Para nada. É un cambio. Xa che comentei que eu por riba de todo son cura e que o que máis me importa é a labor pastoral e a saúde da parroquia.

Que é o que lle resulta máis difícil deixar?
Deixar ás personas. Levo quince anos aquí e teño un vínculo moi forte con moita xente e, anque penso seguir en contacto con isto, non é coma cando estás aquí a diario.

A parroquia xa coñece a súa marcha?
Efectivamente, e a verdade é que me gustaría aproveitar esta entrevista para dar as gracias porque eu aquí sempre me sentín moi ben acollido e moi querido. Houbo momentos máis duros, coma cando foi todo o tema do Parador, pero eu sempre sentín o aprezo da xente e é de ben nacido ser agradecido.

Xa está ultimada a mudanza?
Iso é algo que me dá pereza. Xa teño a casa, alí no casco vello, falta a cociña e os mobles e despois trasladar todo. Pero será algo que faga pouco a pouco porque teño unha biblioteca moi importante e sempre me resulta engorroso trasladala. Será algo que farei de xeito progresivo.

Comentarios