Cervantes, un curruncho de mitos e lendas

Cervantes é moi coñecido por enclaves como a aldea de Piornedo ou o castelo de Doiras, pero agocha outro patrimonio moi valioso: centos de lendas ambientadas no concello ► O investigador Xabier Moure reuniu nun libro varias desas historias, que explican desde a orixe do nome dalgunhas fontes ata o mito do lobishome nestas terras

O MUNICIPIO de Cervantes é coñecido polo seu rico patrimonio histórico-cultural. Algunhas das súas construcións máis destacadas son as pallozas de Piornedo, o castelo de Doiras ou o castro de Santa María. Pero o concello agocha tamén outro patrimonio igualmente valioso: os seus mitos e fábulas. O investigador Xabier Moure compilou nun libro titulado Historias, lendas e tradicións unha mostra das máis de 400 que leva recollidas na zona.

Na comunidade galega son moi usuais as lendas sobre o lobishome, e o enclave de Doiras é escenario dunha delas. Dise que un pai non deixaba ir o seu fillo a unha festa, pero finalmente o rapaz conseguiu ir e o pai, enfadado, botoulle unha maldición. Como consecuencia, unha noite o rapaz converteuse en lobo. Para que volvese ao seu estado natural había que facerlle unha ferida leve. O pai cortou cun coitelo a pel do lobo e o rapaz pouco a pouco volveu transformarse en home.

Doiras é ambiente de moitas máis historias, entre elas A Doniña Cerva, unha das máis coñecidas na zona. Neste castelo, construído no século XV, vivían uns señores que tiñan dous fillos –un rapaz e unha rapaza–. Un día ela marchou ao monte pero fíxose noite e non regresaba. Para atopala fixeron unha búsqueda, pero non conseguiron localizala. O seu irmán seguiu na súa procura e un día que estaba polo monte viu unha cerva branca e matouna. Ao non poder levala el só para a casa, cortoulle unha das patas dianteiras. Cando chegou á casa e sacou a pata do saco viu que se trataba da man da súa irmá. Rapidamente volveu ao monte e comprobou que a cerva que matara se convertera no corpo da súa irmá.

Doiras é ambiente de moitas historias, entre elas A Doniña Cerva, unha das máis coñecidas na zona

Certas ou non, existen moitas máis historias transmitidas de xeración en xeración. Cóntase que a finais do século XIX Donís proclamou a súa independencia. Os seus habitantes, cansos de pagar impostos, decidiron declarar a aldea república independente. Cando o recadador ameazou con acudir á Garda Civil de Becerreá, foi encarcelado na capela da vila. Alí estivo uns días ata que os gardas o rescataron, poñendo fin á república.

Moure recolle tamén no seu libro a lenda dun xastre que ía coas cabras e pasou pola campa do Barreiro. Ao chegar ao prado dun veciño viu un posto que ofertaba varios obxectos, entre eles, tesoiras. Estaba atendido por unha rapaza moi fermosa. Ao pasar por diante ela chamouno e preguntoulle que era o que máis lle gustaba. O xastre contestoulle que eran as tesoiras. A moza, mentres llas daba, díxolle que se a elixira a ela poderían irse xuntos e ser felices. Ao momento a rapaza e o posto desapareceron. Tratábase dunha princesa que tiña un encanto.

FONTES. Os nomes de varias fontes da zona teñen a súa orixe nalgún feito ou crenza popular. A de María González é un exemplo destacable pola sua dureza. Dise que un día chegou unha muller ás terras de Cervantes buscando unha fonte de poderes milagreiros. Estaba moi enferma, pero pasados uns días vírona cun aspecto totalmente mellorado. Ela contou que unha nube negra baixara do monte coñecido como Corno Maldito, envolveuna á altura dos peitos e logo desapareceu. Cando a muller se mirou viu que tiña en cada un dos peitos unha cicatriz. Por alí foi por onde se fora o mal. Dende este suceso a fonte recibe o nome desa muller.

Na fonte dos namorados, na campa do Barreiro, din que se se bebe tres veces dela conséguese o favor da persoa amada

Noutra fonte, a dos namorados, na campa do Barreiro, din que se se bebe tres veces dela conséguese o favor da persoa amada. E se unha parella de namorados beben collidos da man, casarán en menos dun ano.

En Cervantes tamén era común recorrer ao dito "da cidade de Capara asulagouse por home bo e muller mala". Ten a súa orixe no conto que di que na cidade de Capara, que as lendas sitúan no municipio, vivía un matrimonio coa súa filla. Dous rapaces querían casar con ela, un máis rico que o outro. Aínda que ela quería o máis pobre, a súa nai prefería o máis adiñeirado. Para solucionalo, o pai díxolles aos mozos que quen antes levase unha presa dende o pozo de Ferreira á cidade de Capara casaría coa filla. O gañador da proba foi o máis pobre, pero a nai non lle deu a rapaza en matrimonio. Tras ese incumprimento, veu unha treboada que asolagou o lugar.

Outro escenario moi presente nestas lendas son as igrexas. Ata a Guerra Civil, para "arroxar o demo", os habitantes de Piornedo baixaban ata a igrexa de Donís en Xoves Santo a tocar as campás. Tamén se di que baixo a igrexa de Santa María hai un túnel segredo que comunica co río. Outra historia vinculada cos templos sitúase en Dorna. Cóntase que os veciños levaban un santo ata o cume do monte coñecido como Pena do Santo. Colocábano alí sobre a pena e facían peticións e, ao rematar o ritual, volvían de novo á igrexa.

Esta é só unha pequena escolma das lendas compiladas por Moure, que se transmitiron de avós a netos e ás que, en moitas ocasións, hai que recorrer para explicar feitos reais.

Comentarios