miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Cero negativo

Ata catro obxectivos principais poden identificarse na guerra emprendida por Israel contra os palestinos de Gaza. O primeiro consiste en debilitar e destruír a Hamas. A liquidación física dos seus militantes vai acompañada dun esforzo por evitar calquera deriva moderada deste movemento.

A guerra vai radicalizar as súas posturas e illará a aqueles que nos últimos meses apostaban no seu seo por unha política máis pragmática e proclive á negociación. A Israel, esa radicalización evitaralle ter que negociar e, polo mesmo, facer concesións, reforzando o bloqueo e estrangulamento da economía palestina e continuando coa demolición de casas árabes, a promoción das colonias e o asentamento do muro de seguridade.

O segundo obxectivo consiste en liquidar o pouco que quedaba do proceso de paz. Para a Administración de Obama será practicamente imposible resucitar a folla de ruta e deberá partir de cero negativo, cunha poboación palestina frustrada e desesperada, uns Estados árabes desencantados do resultado da súa oferta de paz e un Israel decidido a plantar cara ao mundo impoñendo as novas regras de xogo para negociar unha hipotética paz.

En terceiro lugar, Israel trata de reafirmar a súa supremacía militar ante os países veciños, cuestionada despois do fracaso da guerra do Líbano de 2006, enviando claras mensaxes a Siria e Irán sobre o castigo que puideran recibir se ousan desafiar o poder de Tel Aviv. A guerra exclúe calquera hipótese de coexistencia pacifica baseada nun equilibrio rexional de forzas que fomente a confianza e a moderación entre as partes en conflito.

Por último, os intereses electorais dos laboristas e de Kadima, especialmente, fronte ao ascenso do Likud de Netanyahu, freado en seco, pesan no desencadeamento dunha guerra que pon fin á irritación dun sector de poboación, descontento coa “morneza” da reacción israelí fronte a Hamás e acomplexado pola derrota de 2006 fronte a Hizbulá. As vítimas palestinas tradúcense en Israel en votos para Livni e Barak, facilitando, quizais, a súa vitoria electoral. A outra, a definitiva fronte aos palestinos, dificilmente completarase algún día.

Cero negativo
Comentarios