Cereais

As augas da primavera levaron a que non se pudiera botar o millo ata ben entrado xuño ou mesmo primeiros de xullo, de forma que as prantas –salvo en contadas excepcións- teñen a metade de tamaño do que adoitan acadar en agosto. Este é un de tantos problemas “invisibles” que afectan ós gandeiros e nos que ninguén, probablemente, repara.

Nembargantes, o cambio máis importante na colleita de millo (zea mays) non está no crecemento da pranta senón no aspecto das leiras adicadas ó seu cultivo. Aqueles que pasan con frecuencia pola estrada de Ourense, fagan un exercicio de memoria e tenten lembrar cómo eran os campos dese cereal o agosto anterior. Na Louzaneta hai un xigantesco.

Se non caeron, refírome a que o pasado ano non había campo de millo que non tivera ben visibles os carteliños anunciando a variedade do cereal que había prantada e a casa comercial que facilitou as sementes. Sonaranlles os nomes Goldleo, Jaxxon, Dukla, Charron ou Earlystar. Cóntanme que eses carteis tiñan por obxecto atraer ós posibles compradores de millo co que elaborar o xa famoso biodiesel, un combustible que reduce a contaminación pero reduce tamén a cantidade de alimentos dispoñibles para os homes e para o gando. Qué influiu para que desapareceran os carteis? As imaxes de fame no terceiro mundo ou a escasa rendabilidade do biodiesel e a presión das compañías petroleiras?. Calquera sabe. 

Outros cereais que están a protagonizar o verán son o trigo e o centeo. Non houbo concello este mes que non tivera unha ou varias segas e mallas tradicionais. Son simples actividades lúdicas e culturais ou é que nas parroquias advirten a fame que vai traer a crise e xa prantan o seu propio pan en previsión da alza que vai ter nas tendas?. Porque, oindo a certas persoas, parece que estamos no camiño da Venezuela dos anos oitenta: creba total. 

Non sei cantas hectáreas de terreo se adican a cultivar cereais na nosa provincia pero seguro que moitas máis das que se adican a pisos e baixos comerciais. Só en Vilaxuste, Portomarín, debe haber unhas catrocentas. Tamén apostaría a que sumadas todas as toneladas de cereais prantadas en Lugo non se pagan tanto como un piso na rúa da Raíña.

Se cadra, foron os cereais os que influiron para que en Lugo sexamos tolerantes cos extranxeiros que veñen vivir entre nós. Non esquezamos que o millo que alimenta as nosas vacas e porcos chegou dende América e que o arroz que tanto se consume nos moitos xeriátricos da provincia segue arrivando de Valencia ou Asia.

Comentarios