Centos de persoas gozaron coa espectacularidade da Rapa de Candaoso en Viveiro

Pelexa de garañóns (Foto: Jósé Mª Álvez)
photo_camera Pelexa de garañóns (Foto: Jósé Mª Álvez)

Espectacular é un bo adxectivo para definir a celebración da edición número 43 da Rapa das Bestas de Candaoso, na parroquia vivariense de Boimente, que reuniu varios centos de persoas neste curro dos montes do Buio e Lerín.

O dominio dos homes sobre as bestas empezou ben cedo coa baixada do gando e o peche do curro, no que había uns 200 animais, que segundo o narrador da cita son «cabalos pequenos pero fortes, que incluso foron enviados a Roma para as cuádrigas» en tempos ben pasados. Deu tamén datos contextuais da celebración, como que o de Candaoso é «un curro pioneiro en facer as loitas de garañóns» e o «único en Galicia no que todas as bestas pertencen á comunidade».

Precisamente as pelexas de garañóns foron a primeira actividade e os cabalos demostraron a súa bravura, aínda que sempre baixo o control dos propietarios. «Nunca se lles deixa chegar ó sangue; que haxa espectáculo si, pero non máis alá», comentaban. A continuación foi a auténtica rapa, onde máis de un levou unha zoupada para intentar dobregar os animais. As crinas, que segundo recordaron antes se aproveitaban «para facer colchóns ou pinceis», hoxe non teñen utilidade máis alá de gardalas como recordo. Incidiron tamén «en que non vale cortar de calquera xeito, pois teñen que quedar bonitos», nunha tarefa que é o paso previo á súa limpeza e desinfección para desparasitalos deica o ano que vén.

Outro dos momentos centrais foi a marcaxe dos exemplares máis novos cun ferro candente que «non se pode apretar moito para que non chegue á carne, só o suficiente para que quede a marca no pelo», e non menos espectacular foi un rodeo no que tres rapaces conseguiron dar unhas cantas voltas ó curro só agarrados ás crinas dos equinos. Logo do xantar celebráronse as carreiras de cabalos e burros, premiadas con 1.350 euros, e a festa continuou ata a noite con música.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acudiu á feira para recoller o título de monteira maior e felicitou ós comuneiros polo labor que realizan mantendo viva a rapa e continuando unha actividade económica tradicional.

Friol

A comunidade do monte veciñal en man común de Carballo tamén celebrou onte a súa rapa, logo de xuntar ós cabalos no curro. Os bos aloitadores e os cabaleiros que participaron recibiron as súas medallas e para a tarde quedaron as carreiras de galope de cabalos do país, cruzados e ingleses, nas que se repartiron 1.450 euros en premios, e as exhibicións de cabalos de andadura e trote.

Comentarios