Cien años de Paz

Octavio Paz (EP)
photo_camera Octavio Paz (EP)

con tanto García Márquez ás veces semella que a literatura hispanoamericana comeza e acaba no arquifamoso bum. Non vou cometer eu a soberbia de certo académica barbudo e de Xaén que pouco menos que viña dicir que estaba cansado do autor de ‘Cien años de soledad’ cando as súas propias novelas (como xa comentamos aquí algunha vez) son peores ca non comer unha semana. García Márquez era un mestre, pero hai vida alén do real marabilloso.

A miña vida de lector lonxe de Cortázar, Gabo ou Fuentes pero dentro de América ancórase na colosal figura de Octavio Paz, intelectual con todas as letras. Vén de cumprirse nas últimas semanas o centenario do seu nacemento, un centenario que sendo novo me fai sentir vello porque aínda lembro o seu premio Nobel e aquel libro pequeniño de Alianza Cen no que viña ‘La hija de Rappaccini’ e vaia vostede a saber que outra obra. Lin e non entendín nada ata catro ou cinco anos despois: agora tardo un pouco menos -normalmente-. Para conmemorar a efeméride vén de reeditar Galaxia Gutenberg a súa ‘Obra poética’, volume que me deu miles de satisfaccións... a un prezo excesivo. Esta edición en tapa branda, ideal para regalo, a bo seguro poñerá ao alcance de máis persoas ao xenio mexicano.

Obra Poética Octavio Paz

Editorial Galaxia Gutenberg

Páxinas 1.600 Prezo 65 €



Eu cheguei a Octavio Paz dun xeito un chisco curioso: grazas ás súas traducións, reunidas en ‘Versiones y diversiones’, que tamén se inclúen nesta ‘Obra poética’. Dende moi novo, e a pesar dos meus hábitos biblofágicos, decateime de que non tiña ningún talento para escribir, e moito menos para escribir poesía. Polo tanto, e dado que o das linguas se me daba moito mellor, elixín o camiño das traducións, polo de agora (agardo que por pouco tempo) para consumo propio. En Paz atopei un mestre das versións, da lectura dos outros para transmitir nunha lingua diferente, e puiden coñecer por vez primeira a John Donne ou E.E. Cummings, que moito despois me darían (e seguen a me dar) grandes tardes de pracer literario.

Enganchándome de novo, quedei impresionado coa súa primeira poesía, a de ‘Bajo tu clara sombra’: epigramática, breve, condensada e amorosa. Co paso dos anos chegoume a parecer ripiosa e pouco traballada. Pero para daquela xa alcanzara a capacidade para comprender e gozar con ‘La estación violenta’, derradeira parte de ‘Libertad bajo palabra’ e caixón onde se garda ‘Piedra de Sol’, unha especie de alef poético que cae torrencialmente sobre o lector, para o que todos os séculos pasan a ser un só intre de lectura.

Octavio Paz, dixemos, era un intelectual da cabeza aos pés, e iso non só pola súa poesía e as súas traducións senón pola asunción de culturas completamente alleas, ás que tivo acceso pola súa carreira diplomática, que incluíu o nomeamento como embaixador na India en 1962. Aínda hoxe non lle collo o aire a ‘El mono gramático’, prosa poética que se me escapa, pero si a ‘Ladera este’, xa máis arriscado tamén no formal. Podería ter continuado Paz polo camiño da asimilación de non ter intervido de novo a súa condición de intelectual, nesta vez comprometido: abandonou voluntariamente o seu posto en protesta pola matanza da Praza das Tres Culturas, naquel convulso 1968.

Non chega unha páxina de xornal para describir un amor, non é suficiente unha crítica servil e entregada. Nin sequera se pode chamar crítica, cecais. Podo deixalo por esta fin de semana en recomendación. Os aniversarios son grandes momentos editoriais para recuperacións e poucas podería haber máis xustas ca do vate mexicano.

A súa poesía cruzou o século XX dende a Guerra Civil española ata 1996, cando o seu silencio foi música e pasou a ser acorde de concerto. Supoño que no segundo centenario seguiremos disfrutando con sucesivas edicións desta a súa poesía, que ameaza gloriosamente con sobrevivir ao paso do tempo.

(Publicado na edición impresa o 3 de maio de 2014)

Comentarios