Celeridade para todos, non só para os políticos

É POSIBLE que os asesores lle aconsellen aos políticos que cando os xornalistas preguntan sempre haxa que responder, aínda que sexa con evasivas. E nós, que somos moi pesados, soemos preguntar moito, sobre todo porque é o noso oficio; entón é habitual que en vez de recibir como resposta que non pensan falar sobre un tema escabroso soluciónano con perogrulladas que mellor era que as calaran. Así, cando un representante público ten algún colaborador implicado en asunto xudicial é usual que o único que reclamen sexa celeridade no proceso. Claro, prontitude para que se resolva o seu problema, que para un cidadán de a pé poden pasar anos e non importa, verdade? Pois dicir iso é como reclamar privilexios para os seus en detrimento dos demais. Non é tan grave como anunciar una operación policial aínda inconclusa, pero esta política de comunicación raia na defensa de prebendas.

Comentarios