Celebracións coa cociña ás costas

Os cáterings vilalbeses encárganse de servir comidas nunha boa parte das festas da comarca e de fóra dela

Calquera motivo é suficiente para celebrar. E senón que llo digan aos organizadores da morea de festexos acompañados de xantares ou merendas que se espallan ao longo e ao ancho da terra das festas por antonomasia. Toda Galicia e, como non, a comarca chairega, Meira e As Pontes solapan celebracións en cada fin de semana no seu particular calendario estival.

Non resulta difícil atopar razóns para xuntar arredor dunha ou varias mesas a veciños, amigos e familiares para gozar dunha xornada festiva que ten como protagonista indiscutible, en case tódolos casos, a comida. Manxares que fan as delicias de tódolos comensais e que, incluso, se adecúan aos gustos particulares que se poidan presentar. Pero para que algúns desfruten de entrantes, primeiros e segundos pratos, postre e todo o que vén detrás ata que cae a noitiña, outros teñen que traballar arreo.

O duro esforzo non só cae nosque se encargan de que estes ágapes saian adiante co maior éxito posible, senón tamén naqueles que fin de semana tras fin de semana sacan os seus mellores produtos e as súas cociñas para ir por aldeas, vilas ou casas particulares a ofrecer o que mellor se lles dá: a preparación de auténticas xoias da gastronomía, na maioría das ocasións, ao por maior.

Na Terra Chá o negocio é levado por distintos locais hostaleiros pero son, sobre todo, tres os encargados de poñer o sabor a unha boa parte das festividades que se celebran na comarca, así como fóra dos límites. O cátering Rochela, da capital vilalbesa, Hermanos Debasa, de San Lourenzo de Árbol, e o cátering Maragata, tamén de Vilalba, deixan poucos lugares chairegos por visitar durante os meses de verán. Tanto é así, que é complicado atopar un oco na súa apretada axenda ata ben entrado o mes de outubro. Aínda así, tamén no inverno continúa o traballo, «pero en menor medida», matiza Fernando Novo, encargado, xunto coa súa muller, do Maragata.

E é que nese mes, cando o outono xa ten feito a súa aparición, ten lugar un dos eventos máis concorridos e que maior fama está colleitando a pesar dos seus poucos anos de vida. A Festa da Xuventude de Lanzós, que este ano se celebrará o día 22 de outubro, corre a cargo de Hermanos Debasa, quen leva poñendo a comida para os asistentes dende que comezou a celebrarse. «É, sen dúbida, unha das festas da zona que máis xente reúne e nós imos tódolos anos, dende o comezo», comenta Eduardo Debasa.

A maioría dos ágapes que se celebran veñen reunindo entre 100 e 150 persoas, aínda que algún chega ás 400

Xa fóra da comarca, no Val de Xestoso, en Monfero, conmemoran un produto tan típico como o grelo no mes de xaneiro. Alí vai o cátering de Fernando Novo e Eva Piñeiro, a servir un xantar para arredor de 800 persoas, «a máis multitudinaria á que acudimos», afirma Novo. Pero a maioría, que acostuman a vir promovidas por asociacións de veciños, de maiores ou de cabaleiros, «móvense entre as 100 e as 150 persoas», di Javier Rochela, do cátering vilalbés Rochela.

PARTICULARES. Nada se lles resiste, pois os festexos particulares como vodas, comunións,cumpreanos ou meras reunións entre amigos e familiares tamén ocupan algunhas datas destes expertos na gastronomía ambulante. E non só iso. Tamén se ocupan da colocación e montaxe de mesas e asentos, toldo baixo o que resgardarse das altas temperaturas -ou baixas, dependendo do momento- e ata da animación musical, como fan Rochela e Maragata.

O bo sabor de boca que deixan tras de si queda demostrado cando, ano tras ano, se lles encomenda o importante e non sempre recoñecido labor de ofrecer xantares a ducias e ducias de asistentes, sempre co mellor servizo.

Comentarios