CDG, novas intencións, vellos erros

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Seguramente, Tartufo non é a mellor obra de Molière. Nin como un enredo intrigante, nin como un sainete de parvos. Ten algunhas obviedades de comedia e algúns xiros que se foron repetindo na historia do teatro ata perder sentido. É unha comedia risible de tan obvia. Igual niso hai unha virtude. Pero no teatro de agora as obras son máis como se fan que como estean escritas. O que o Centro Dramático Galego (CDG) quixo facer con este Molière non queda claro: quizais darlle unha volta para distancialo da comedia, quizais buscarlle un entendemento contemporáneo, quizais só pasalo por un filtro moi distante do seu autor. Pero chegar non chegou a ningún espazo identificable. A onde o levou, finalmente, foi a esa terra de ninguén onde as obras perden calquera sentido e sobreviven só coa respiración asistida da interpretación.

De nacemento, Tartufo é unha comedia. Non moi elegante, non moi sutil. Advirte dos riscos de determinadas confianzas cegas ou dese paradoxo familiar que é confiar máis nos de fóra que nos da casa. Podemos ir un pouco máis aló: advirte dos gurús e da súa retórica. Advirte, se queremos, contra o uso indiscriminado da moral como medida universal. Pero non deixa de ser unha comedia. É posible que o Centro Dramático Galego quixera facer unha comedia, pero na montaxe que dirixe Carles Alfaro non se nota. O sentido do humor de Molière está desaparecido no avance da obra e os puntos cómicos que se deixan sentir en realidade proceden máis de gags da interpretación que da comicidade do texto.

Tamén é posible que o Centro Dramático Galego, que o director desta montaxe en particular, quixera facer un Molière con outra linguaxe. Un Tartufo sen os aparellos da comedia para facer aflorar debaixo das risas o que haxa de aproveitable, o que haxa de contemporáneo. É posible que Alfaro quixera gañar profundidade pola vía de limitar o humor. Pero no resultado, a proposta do CDG é máis efectiva desmontando a Molière que conseguindo con ese texto ningún outro resultado. Desaparece o humor e desaparece a obra.

Pero a demolición de Tartufo non se detén en cambiarlle o sentido do humor ata deixalo serio e desganado. Molière artellou a obra como un enredo de maneira que o público puidese comprobar sen dúbidas que non hai peor parvo que o que non quere saber o que sucede. Fíxoo porque esa obviedade fose obxecto central das intencións da obra. Insistiu Molière porque pretendía que o público non perdese a oportunidade de facer no teatro o que non podía facer na vida. O artificio do autor francés queda lavado na proposta do CDG ata o punto de volverse irrelevante, algo que sucede como unha liña máis na historia. Pero se é unha liña máis, entón non é historia.

Este é un Tartufo desmoblado, abandonado das súas virtudes en favor dunha proposta alternativa que non asoma nas dúas horas de duración da montaxe. En cambio, asoma un teatro doutro tempo. Non do tempo de Molière, que sería unha alternativa difícil pero entendible. Non dunha época rescatable esteticamente ou doutra asimilable para o espectador contemporáneo. Alfaro leva o CDG a un teatro dos cincuenta ou dos sesenta: envarado, artificial, un teatro que representa máis que interpreta, que aparenta a historia máis que contala. A obra, desprovista do sentido do humor inicial, encalla neste xeito de contar que a deixa a medio camiño entre o sainete aparente e un melodrama sen emoción. É un tipo de teatro que hai anos deixamos descontado por ese aire rancio que arrastra con el. É un teatro doutro tempo, o teatro dun tempo que era peor, o tempo dun teatro que era peor.

Tartufo queda entrampado nun lugar do que non hai saída nin xeitos de remontalo. Desnaturalizado das súas virtudes e sen encontrar a súa naturalidade para vivir no escenario. Non é a primeira vez que pasa no teatro e non é a primeira vez que sucede no Centro Dramático Galego. Ese mesmo xeito de desmontar unha obra sen ter alternativa para remontala. O mesmo facer dun teatro que vai quedando sen respiración conforme avanza, como se chegase canso ao momento en que sobe o pano e aceptase a inercia como unha forma de funcionamento.

Todo isto aceptando esa teoría que se puxo en circulación anos atrás na que se describía un CDG no mesmo nivel que calquera outra compañía galega, sen ánimo de asumir protagonismo e, aínda menos, a responsabilidade de ser a compañía institucional galega. Porque, ademais das responsabilidades institucionais, o CDG ten a obriga de facer teatro, bo teatro.

Comentarios