Xantar de reencontros

Catro décadas de ensinanza activa

O Ceip O Salvador da Pastoriza, que abriu as súas portas en 1977, vén de conmemorar o seu 40 aniversario. Algúns dos mestres que pasaron boa parte da súa vida profesional nas súas aulas recordan as bondades dun centro único

O centro de educación infantil e primaria da Pastoriza está de festa. Este curso cúmprense 40 anos da súa apertura, que tivo lugar un 7 de febreiro de 1977, baixo a denominación de Colegio Comarcal Mixto de Pastoriza. Este nome foise modificando a golpe de calendario, como tamén o fixeron as instalacións e servizos, ata que hai 15 anos foi bautizado definitivamente como O Salvador.

Abrir as portas deste centro foi clave para que pechasen moitas das escolas unitarias que se repartían por gran parte do concello. Así, pasaron a mellor vida os colexios de Vián, Pousada, Crecente, Corvelle, Gueimonde, A Guarda, Foxaca, Álvare, Abegas, A Rigueira, San Cosme, Reigosa e A Pastoriza.

Todos os pequenos que se formaban ata ese momento nestas escolas, un total de 320 no primeiro curso, pasaron a engrosar as filas do novo colexio, que contaba con oito unidades para estudar a Educación Xeral Básica. De feito, as instalacións quedáronse pequenas para acoller a tantos meniños, e os máis pequenos, os que cursaban educación infantil, tiveron que quedar durante un tempo na antiga casa do concello, hoxe reconvertida en biblioteca municipal.

O comedor escolar non funcionou nese experimental primeiro curso, pero si o fixo no segundo, e as instalacións ubicáronse no propio centro. Posteriormente, fíxose unha mellora importante e cambiouse ao emprazamento actual, para dar cabida ás 13 unidades que chegaron a funcionar nos tempos de bonanza poboacional.

Polas aulas do centro chairego pasaron centos de nenos e ducias de mestres. O primeiro director foi José María Teijeiro Otero e, posteriormente, María Alicia González García. Os últimos en dirixir este colexio foron Inés Cabado Díaz, Áurea Castro Conde e Pedro Maseda Freire.

Este último garda boísimos recordos da súa etapa profesional na Pastoriza, onde estivo 22 anos, e confirma que todos os mestres estiveron sempre implicados na educación dos pequenos e pequenas da Pastoriza.

«O ambiente era moi agradable. Sempre houbo moi boa cooperación entre os pais, o Concello e todos os veciños do pobo. Os alumnos eran moi bos e nunca deron un problema. Síntome orgulloso de ter pasado por esas aulas», confirma Pedro Maseda, que se xubilou en 2012 sendo director do Salvador, pero que antes, como mestre de Educación Física, puxo en marcha as escolas deportivas municipais, que aínda hoxe continúan funcionando.

A súa muller, María Jesús Valiño, tamén exerceu de mestra de Pedagoxía Terapéutica durante 26 anos no centro. «Foron anos moi bonitos, onde desfrutei moito cos compañeiros e os alumnos. Os nenos da Pastoriza son nobles, bos, sanos e con todas as cualidades ao seu favor», destaca Valiño, quen non pode esquecer a cantidade de actividades que se desenvolveron no centro, «no que tamén fixemos moitas saídas culturais», asegura.

Un total de 28 anos estivo impartindo clases de inglés Mario Saavedra, outro dos profesores emblemáticos deste centro, que deixou a ensinanza en 2012 por xubilación. «A xente era marabillosa, todos son bos recordos», asegura un mestre que logrou poñer en marcha xunto outros docentes a publicación en galego ‘A luz da escola’, que se editaba catro veces ao longo do curso, e na que se facían percorridos polos castros, muíños, igrexas ou capelas do concello, así como polos oficios tradicionais xa esquencidos.

Tamén contaban neste centro único cunha emisora de radio na que participaban todos os nenos no recreo da mañá. «Tiña unha distancia longa e mesmo se podía escoitar na Fervedoira», recalca Saavedra, quen rememora fielmente as aulas repletas de 40 ou 45 nenos. «Había que acostumarse a tantos, sempre me gustou moito falar con eles, e podo presumir de que nunca puxen un castigo», di Saavedra, que destaca a colaboración intensa entre os mestres e os pais, algo que lamentablemente se foi perdendo co tempo.

Grupos de teatro, clases de gaita ou plantacións de árbores son só algunhas das actividades que se desenvolveron ao longo dos 40 anos do Ceip O Salvador, tal e como destaca o actual director, Tino Fernández, quen fai fincapé en que «na historia quedan innumerables conmemoracións, celebracións, excursións, saídas de estudos, que estaban planificadas por un grupo de mestres implicados na educación dos pequenos pastoricenses».

Os docentes teñen un desexo, que comparten coas familias dos 105 alumnos que seguen formándose nas aulas deste centro, e non é outro que soprar polo menos outras 40 candeas máis. Méritos para facelo non lles faltan, xa que poden presumir, e fano cada vez que teñen ocasión, de ser un centro único, activo e no que todos se senten como un gran familia.

Comentarios