Catro comerciantes da praza de abastos de Sarria apelan a orde de desaloxo

Os negocios piden a paralización do desafiuzamento. Os empresarios insisten en que os postos non son ilegais
A praza de abastos de Sarria, ubicada na Rúa Matías López
photo_camera A praza de abastos de Sarria, ubicada na Rúa Matías López

Catro comerciantes da praza de abastos de Sarria presentaron o mércores cadanseu recurso no consistorio ante a orde de desaloxo das instalacións decretada polo Concello e pediron a paralización desta medida.

Estes comerciantes, titulares de seis postos, insisten en que non son ilegais. Baséanse na documentación da que dispoñen desde a súa instalación na praza, como o escrito de concesión ou recibos. Alegan tamén que no ano 2014 constituíron a Asociación de Comerciantes de la Plaza de Abastos, que recibiu subvencións da Xunta de Galicia para obradoiros de tapas e de cociña para nenos ou para a adquisición de persianas e bolsas. "A administración non vai dar unha axuda a persoas que están ilegais", opinaron.

PREXUÍZOS. Os catro negocios aseguraron que esta situación "está prexudicando moito a imaxe da praza de abastos". "Estanos danando", sinalaron os empresarios, un dos cales leva instalado máis de 30 anos no inmoble.

Os comerciantes refírense así á decisión do Concello de concederlles aos postos oito días para abandonar as instalacións baseándose en que "caracen da autorización pertinente para exercer a actividade de venda de produtos na praza de abastos". Esta disposición afectou a sete establecementos, aínda que un deles (un bar) decidiu non recorrer a orde de desaloxo do Concello e xa pechou as súas portas.

O prazo de oito días concedido para abandonar a praza finalizou o mércores, aínda que os comerciantes cren que o desaloxo se paraliza coa presentación dos recursos.

A intención da administración local é sacar a subasta os nove postos dos que dispón o inmoble, dos que dous non se encontraban ocupados. A xunta de goberno local aprobou o pasado mes de maio as bases que rexerán o proceso para adxudicar estes espazos. Sairán a subasta por un período de dez anos e un canon mínimo de 120 euros ao mes.

Os comerciantes consideran que se trata dunha cifra alta en comparación coas prazas, por exemplo, de Lugo, A Coruña ou Monforte de Lemos, nas que aseguraron que algúns postos pagan menos. "Algún negocio en Monforte non chega a aboar nin 40 euros", sinalaron.

A polémica na praza remóntase a finais de 2016, cando foi desaloxada a fruteira por falta de actividade no posto, o que a afectada negou. Pouco despois, en marzo deste ano, o Concello concedeu un prazo aos comerciantes para que xustificasen o permiso para exercer a actividade. Os negocios presentaron diversos documentos, aínda que a administración local considera que non teñen validez, polo que este mesmo mes procedeu a ordenar o seu desaloxo.

Comentarios