Castro de Ribeiras de Lea acolle unha nova edición da Feira do Cabalo

A cita, que eliminou este ano o concurso e as exhibicións de doma, prevé reunir ao redor dunhas 500 reses

A localidade de Castro de Ribeiras de Lea acollerá este sábado, como cada primeiro sábado de setembro dende hai xa 14 anos, unha nova edición da Feira do Cabalo, unha cita con longa tradición que "xa se convertiu nun referente a nivel provincial e autonómico", tal e como destaca Roberto Lorenzo, edil de mercados do Concello de Castro de Rei. 

A XIV Feira do Cabalo celebrarase no recinto feiral de Castro a partir das 10.00 horas, momento no que o mercado abriu ao público, e prolongarase durante toda a xornada. "A afluencia que haberá non a sabemos. Din que este ano baixaron as feiras de cabalos, pero esperamos chegar a unha cifra similar á do ano pasado, que se congregaron sobre unhas 500 reses", di o edil de mercados, que explica que o Concello decidiu recortar este ano o programa para "reducir gastos". Por iso, non haberá nin concurso nin exhibicións e demostracións de doma, un complemento que si se organizou nestes últimos anos dentro do programa da Feira do Cabalo de Castro de Ribeiras de Lea. 

"Todos aqueles que veñan a cabalo recibirán un agasallo", indica Roberto Lorenzo, que anima a toda a xente a participar nunha cita que xa é un clásico do municipio chairego e que pretende manterse no tempo. 

POSTOS. Como é habitual nesta feira, a maiores dos cabalos, os grandes protagonistas da xornada, haberá postos de venda de roupa, calzado e alimentación, entre outras moitas propostas. Tamén se instalarán nos arredores do recinto feiral postos de polbo e churrasco para servir comidas a todos os asistentes que o demanden.

Comentarios