Castro de Rei celebra o seu pasado valuro como sinal da súa identidade

O escritor Xosé Otero Canto presentou 'Valuria', un poemario "con moito de romance" que transmite a memoria da Chaira, nun acto que ateigou de público o teleclub da localidade
Xavier Rodríguez, Xosé Otero Canto, Anxo Lamas e Xosé Manuel Carballo, que recolleu o recoñecemento de Isaac Rielo
photo_camera Xavier Rodríguez, Xosé Otero Canto, Anxo Lamas e Xosé Manuel Carballo, que recolleu o recoñecemento de Isaac Rielo

Os veciños de Castro de Rei celebraron este domingo o seu pasado valuro nun acto cheo de orgullo no que puxeron en valor a súa identidade. O escritor de Ponte de Outeiro, Xosé Otero Canto, presentou Valuria, un poemario, "con moito de romance", que publicou Xermolos e a Irmandade Manuel María. "É unha tarde fría pero con moito calor polo nacemento dunha nova criatura que se deixa acariciar. Un libro sempre é un amigo, un compañeiro de viaxe", presentou Alfonso Blanco, antes de que Felipe Arias, o encargado de escribir o prólogo desta nova obra chairega, fixera un repaso por "unha terra e unha tribu que converteron valuro nun termo identitario", que pasou de ter noutros tempos connotacións negativas -os valuros, que habitaban as zonas asolagadas, adquiriron certa sona de magos, curandeiros e maleantes- a revertirse nunha reivindicación das raíces.

"Non sei cando me atopei coa palabra valuro por primeira vez, gustoume porque era sonora e adoptamos o nome para o grupo de teatro. E moitos veciños sentíronse identificados. Fixemos a primeira festa da mocidade valura, e foi memorable. Logo, o grupo de gaitas tamén decidiu utilizar o nome, e como nuns sitios se escribe con b e noutros con v, para o teatro quedamos con Baluros e os músicos con Valuros", explicou o párroco Xosé Manuel Carballo, aos que algúns definen como "o gran valuro", que asegurou: "O libro é a consagración da nosa identidade plasmada na palabra poética".

O autor de Valuria, que tamén estivo acompañado na presentación por Xosé Anxo Grande, o responsable dos debuxos que ilustran as súas letras, leu varios dos poemas que repasan a memoria da Chaira, a través de historias como a de Dona Constanza, a filla de Pardo de Cela que morreu na torre de Caldaloba, en Cospeito, "onde rematou a Idade Media", ou de diversas lendas.

No acto celebrado nun teleclub ateigado de xente, foron nomeados Baluros de Honra o autor do libro, o artista Anxo Lamas e o párroco Isaac Rielo, que non asistiu. Tamén se distinguíu a Xavier Rodríguez, novo cura de Castro de Rei, como Baluro Adoptivo.

O autor do libro, Isaac Rielo e Anxo Lamas foron nomeados Baluros de Honra e o cura Xavier Rodríguez, Baluro Adoptivo

Comentarios