‘Castellanos de Castilla’

UNHA DAS POLÉMICAS actuais máis mediáticas, é dicer, máis teimudamente propagandeadas e aireadas, é a creada arredor das relacións políticas do Estado con Cataluña. O tema é interesante desde a perspectiva política de todas as nacións do Estado español e tamén desde a análise da cualidade das relacións internacionais no que se adoita chamar España. Internacionais significa exactamente iso: entre nacións.

No primeiro chanzo, é difícil aceptar con serenidade que o peso fundamental dos argumentos esgrimidos polos defensores a ultranza da unidade española tal e como eles a conciben, é dicer, baixo unha única dirección, sexa o que está escrito nun papel. Xa tiña que ser sagrado o papel e aceptar todos de forma unánime o seu carácter sagrado, para non poder mover a outro nível de convivencia o que o papel di. Dá igual a efectos do argumento que o papel se chame constitución ou encarnación: é a transcrición a palabras acordadas nun momento do tempo dun determinado acordo de convivencia. E máis nada. Por iso é posíbel plantexarse discutir, falar, volver a discutir, volver falar a modiño doutras bases de convivencia dentro do Estado e mesmo fóra do Estado, ou tamén cun Estado de forma diferente do actual. Poderase falar nunha democracia, ou non?

Só atopo unha maneira de interpretar a negativa por parte da vella Castela a falar, a intentar compoñer unhas bases distintas de relación: que ama os cataláns dunha forma patolóxica e non pode nen plantexarse cambiar as formas da relación de convivencia. Son duros e fundamentalistas estes casteláns. E como se a unha muller lle fose obrigado, sen querer, ficar unida en matrimonio á forza. Comprobouse que, aínda que as mulleres poidan facer uso do divorcio, non cae o mundo, non cambian as órbitas dos planetas nen hai descomposición social pola súa causa. Son posíbeis outras formas de convivencia distintas da única estabelecida en función dos intereses dun pai-marido-patrón. Isto xa se resolveu na historia recente da civilización occidental e nen sequer a fenda de liberdade de se separar utilizado polas mulleres mudou o dominio hexemónico dos homes, nesta sociedade.

Tamén hai outra posibilidade: que aos casteláns, os netos dos vellos guerreiros conquistadores, lles interese, teñan interese en manter baixo unha forma de dominio a Cataluña. Quer dicer, que a necesiten. Esta dependencia actual non é igual que no momento da adhesión. Hoxe ten importancia económica decisiva, e tamén simbólica, na conformación do actual Estado que se denomina Reino de España. Este aspecto, velado tras argumentos de suposta cohesión, é seguramente o que impede aos defensores a ultranza da unidade estabelecida comezar un diálogo orientado pacificamente a construír unha nova forma de relación. É posibel; por que nen sequer intenta?

Comentarios