''A casa museo mantense grazas aos peregrinos''

Víctor Corral, na súa casa museo.
photo_camera Víctor Corral, na súa casa museo.

O escultor chairego Víctor Corral leva media vida adicado ó mundo da arte. En 1971 abriu o seu museo en Baamonde, polo que pasan ó redor de 20.000 persoas cada ano, moita xente que «se emociona» ó ver a súa obra, que el define como «poesía e mensaxe».


ADICOU a súa vida á arte. As súas mans crearon milleiros de obras que dende Baamonde levaron o seu nome polo mundo, sobre todo da man de peregrinos que se emocionan, «e incluso choran», di, cando entran no seu pequeno paraíso chairego, un verxel de formas que nacen nas rochas, nas árbores, nas pedras... como por arte de maxia. Víctor Corral, «guía e director» da casa museo que levantou pedra a pedra, soña con manter vivo ese patrimonio.

Empezou a facer esculturas no monte, coas pedras, nas árbores... Como recorda os comenzos?

Con moito cariño. Era un neno. Ós dez anos xa grababa nas pedras e ás vacas nos cornos facíalles paxariños e frores.

Era algo innato?

Eu enamorábame da natureza, de todo o que vía no campo. Non sabía o que era un escultor daquela, pero gustábame facer formas. Era a inocencia dun neno na arte.

Estudou Artes e Oficios na Coruña e en Barcelona, onde abriu o seu primeiro obradoiro en 1963. Dende aquela pode dicir que entrou nese grupo de afortunados que presumen de vivir da arte?

Si. Daquela facía cabezas de Quixotes a cinco duros, 25 pesetas, en madeira. Era o que vendía e facía 50 cabeciñas ó día. A primeira exposición fíxena tamén alí, en Barcelona, no ano 66, con moito éxito, tanto económico como da crítica.

Nun momento de éxito, por que decidiu volver a Baamonde?

Despois estiven en Suíza, expuxen en Xenebra, e volvín para Baamonde, pensando en facer a casa museo que teño hoxe aquí. Cansei das cidades e quería volver ás raíces, ao Baamonde onde nacín. Xa soñaba con ter éxito no meu pobo.

A casa museo, que abriu no ano 71, recibe ó redor de 20.000 persoas ao ano. Esperaba esa resposta? As visitas mantéñense?

Por aquí pasa xente de todo o mundo. O que máis abunda son turistas e peregrinos, porque aquí en Baamonde hai albergue e pasa o Camiño Norte. A casa museo mantense grazas a eles. Tamén veñen moitos grupos de maiores e de escolares e hai un libro vídeo que fixo a Xunta da miña obra que está por tódolos colexios.

O museo é unha peza clave para o turismo en Baamonde.

É unha peza. Tamén hai restaurantes. O que vén ver o museo vai comer e o que ven comer vai ó museo, e así funciona.

O museo abre tódolos días é vostede é o propio guía. Que é o mellor e o peor deso?

O museo abre tódolos días e a tódalas horas e eu son o guía e o director. O mellor é ver que moita xente se emociona ó ver a miña arte, porque é mensaxe e poesía. Un nunca se cansa de mostrala. O máis desagradable, quizais, é que vén xente de case todo o mundo e sen embargo hai moita xente cercana ao museo que non o coñece.

Pero non en Baamonde?

Tamén en Baamonde hai xente que non sabe do museo, que non o visitou. E hai moitos de fóra que veñen por internet.

Sen embargo a súa obra é un símbolo na localidade cunha talla no interior do castiñeiro milenario que se atopa xunto á igrexa.

Esa árbore íana cortar no 71 porque ensanchaba a estrada. Metinme dentro para facer a virxe e aí segue en pé. Agora está protexida por Medio Ambiente, ten uns 700 anos.

Cal é o reto agora, que queda por facer?

Facer pouco, porque as mans xa van cansas, elas si. Traballo moi pouco xa. Vén a xente facer encargos e xa non os fago.

Como visualiza o futuro da casa museo?

Teño unha filla, Eva Corral, que é pintora e ela dirá o día de mañá o que se fará coa casa museo, pero gustaríame que seguira porque aquí hai persoas que volven 20 anos despois, que é o máis agradable, que a xente te recorda e volven visitar o museo.

No mundo da arte, os tempos son máis difíciles agora ou antes?

É difícil vivir da arte, pero cando empezas non te preocupa se tes que pasar sen comer pola arte porque estás enamorado desa beleza e creatividade. E mira, a través da arte eu levantei unha familia e fixen esta casa museo que hoxe vale moitos millóns, nunha paisaxe extraordinaria en contacto coa natureza. Vivir da arte sempre foi difícil, pero agora máis porque coa arte contemporánea todo pegou un cambio moi forte, un cambio radical. Hai quen tira catro botes de pintura no chan e di que é unha escultura e cada vez a xente visita menos exposicións. Antes había máis.

Hai unha saturación?

Xa non hai seriedade. Hai quen fai marabillas e hai quen fai tonterías.

A crise tamén fai dano ou a arte vai pola súa conta?

As dúas cousas. Algo de dano fai a crise. Fai anos unha parella cando se ía casar procuraba comprar un cadro ou unha escultura para o día de mañá ter algo. Hoxe xa non hai nada deso, miran para ter a nevera chea, por necesidade e tamén por mentalidade.

Faltan apoios institucionais ou o artista nunca debe depender de axudas?

É interesante que cada artista busque o seu camiño, pero tamén é interesante que che dean a man, que colaboren coa cultura...

Hai apoios no seu caso?

Sempre hai algún. Do Concello e da Xunta, pero con que merquen algunhas obras eso xa é un apoio.

Ten exposto en morea de cidades de toda España e de fóra. A súa obra figura no Parlamento Galego, en museos de Chicago e Nova Iorque, ten obras en deceas de lugares públicos de Galicia e doutras cidades... Garda algunha con especial agarimo?

Levo cerca de 60 anos facendo esculturas e tiven encargos para tres e catro anos continuamente para España e para o estranxeiro, para países moi diversos porque aquí mercaron cousas para EE.UU, Canadá, para Europa... Cada obra representa algo, ten unha mensaxe e cada obra é un mundo aparte, pero unha das obras máis preciadas é a obra relixiosa e as miniaturas, que xa non podo facelas -o museo agocha unha de tan só un centímetro cadrado-.

Foi Lucense do Ano no 90. Como recorda aquelo?

Foi moi bonito. Tamén me fixeron homenaxe os de Xermolos, de Guitiriz, os do Iescha, de Vilalba, e O Cádavo, da Fonsagrada.

DE PRETO
«A miña primeira obra atopárona 40 anos despois no monte»

Un é ou non é profeta na súa terra?

Eu fun profeta fóra onde estiven e na miña terra tamén. (Sorrí). Non me poido queixar.

Dunha familia de once irmáns, cantos viven en Baamonde?

Os que quedan, sete. Antonio, Xoan, Ánxel, Josefa, Dolores e Manuela, e eu.

Algúns responsabilízanse da oferta culinaria da localidade, cal é o seu plato favorito?

Antonio está no Labrego e Xoán no Galicia e Xosé Ánxel, un sobriño, ten en Pacios a Taberna do Labrego. Todos teñen un menú parecido. En todos se come moi ben. Non podo elexir ningún nin recomendar ningún prato.

O seu lugar favorito da Chaira?

Baamonde.

Canto tempo adica a esculpir?

Agora menos, pero adiqueino todo. O resto fixen moito deporte. Ciclismo en concreto, que me gustaba moito, e tamén fixen judo. E toco a gaita.

Recorda a súa primeira obra?

Unha pedra que grabei ós dez anos. Fixen a igrexa de Baamonde en 1947 e 40 anos despois atopárona no monte, onde ía coas vacas e trouxéronma. Agora está no museo.

Un escultor de referencia?

Non teño. Sempre fixen o que a mín me deu a gana. O paso pola escola non me serviu de nada. Pero gústame Miguel Anxo, Leonardo e a pintura do Greco.

Comentarios