A Casa Habanera acolle a cuarta edición da mostra ‘'Tal como eramos Guitiriz'’

Todas as fotografías incluídas nesta exposición recolleranse no Caderno de Estudos Chairegos
Grupo de mozas en Guitiriz, unha das fotos da mostra
photo_camera Grupo de mozas en Guitiriz, unha das fotos da mostra

O Instituto de Estudios Chairegos (Iescha) e o Concello guitiricense organizan a cuarta edición da mostra de fotografías antigas ‘Tal como eramos Guitiriz’, composta por máis de 130 imaxes do século XX e que xa se pode visitar na Casa Habanera.

Festas, paisaxes, grupos de veciños, infancia, traballos ou deportes forman parte desta colección de fotos, na súa maioría de mediados do século pasado, na que se poden recoñecer moitos dos actuais veciños da vila e que teñen un importante valor documental.

Todas as fotografías incluídas nesta exposición, que poderá visitarse nas vindeiras semanas, recolleranse tamén como é costume no Caderno de Estudos Chairegos, cuxo número oito editará o Iescha a finais deste ano. Na publicación incluiranse ademais as máis de 230 imaxes que compoñían a mostra ‘Tal como eramos’ de Vilalba, exposta no auditorio municipal da capital chairega durante o San Ramón.


No apartado de investigación figuran traballos como o de Paulo Naseiro e Iván García Calaza sobre a prensa vilalbesa


O volume, que ten carácter bienal, estará nesta ocasión dedicado á memoria do escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, sobre o que se incluirán artigos e fotos, así coma unha escolma do publicado logo do seu pasamento.

A responsabilidade de escribir o limiar recaeu no académico Xosé Luis Regueira, mentres que o xornalista vilalbés Moncho Paz asina unha dobre colaboración, cunha entrevista a Ramón Chao e o obituario de Fermín Bouza.

No apartado de investigación figuran traballos sobre os cruceiros de Abadín, do Proxecto Carboeira; da prensa vilalbesa, obra de Paulo Naseiro e Iván García Calaza; ou sobre o latín dos canteiros chairegos, de Orlando Viveiro Veiga. Ademais, Ana Naseiro escribe sobre o ensino e os centros educativos de Vilalba dende o punto de vista histórico, e Manolo Roca repasa o centenario das Irmandades da Fala.

A publicación, cuxa portada será unha das fotos antigas da exposición ‘Tal como eramos’ de Vilalba, complétase con varias recensións de libros. Os socios do Iescha recibirán o Caderno como agasallo de Nadal, xunto ao calendario de 2017 e o poemario ‘Doce ducias’ de Baldomero Iglesias, editado polo Iescha.

Comentarios