A Casa do Mel de Goente organizou unha viaxe apícola a Muras

Máis dunha trintena de persoas coñeceron a forma de traballar das novas e das vellas xeracións da man de cinco produtores

Máis dunha trintena de persoas participaron na viaxe apícola organizada pola Casa do Mel das Pontes, coa colaboración do Concello de Muras -o tenente de alcalde, Mario Rouco acompañounos na expedición-, que incluíu unha visita a cinco apiarios, tres deles na localidade muresa e os outros en Ourol e en Vilalba.

«A viaxe está pensada coma un intercambio entre apicultores» explicou Manuel Ferreira, da Casa do Mel, destacando que se elixiu Muras por ser «unha zona apícola cun mel cunhas características importantes, moi coñecido e de calidade». Tal e como apuntaron os produtores, a queiroa ou a silva son os seus principais compoñentes, aínda que segundo a zona tamén pode ter trazas de castiñeiro, eucalipto, loureiro ou salgueiro.

Querían tamén coñecer «distintas xeracións de apicultores e o seu enfoque sobre esta», dixo Manuel. Así, as dúas primeiras paradas da viaxe foron na casa de produtores de sempre, coma Jesús Prieto, que leva dúas décadas coidando abellas pola mellor razón do mundo: «Encántame andar con elas».

Jesús Prieto, Tomás Prieto, Luis Pernas, Javier e Raquel Vázquez e Iván Díaz amosaron como traballan nos seus apiarios

A súa querencia chega a tal punto que xa cando vivía no País Vasco, onde botou 46 anos, tiña abellas en Muras. E nos nove anos que leva de volta, dende que se xubilou, as súas 13 colmeas son unha prioridade, «fágolles moitas visitas, verán e inverno». Delas saca mel, para «vendelo e comelo, que tamén me gusta».

O seu apiario está en Casateita, orientado «cara ao raiante», nun lugar no que «debe levar 130 anos habendo abellas, cando nacín, e teño 70, xa estaban aquí», contaba, falando dun tempo no que todos os veciños tiñan colmeas.

Tamén históricas son as do lugar de Vilalverde, xa na parroquia ourelesa de Xerdiz. A Tomás Prieto, de 80 anos, as abellas xa lle gustaban de pequeniño, pero non foi ata que casou que comezou a atendelas na casa dos sogros e, tras medio século de oficio, atopou unha herdeira na súa filla Teresa. Coidan máis de 90 colmeas e Tomás ata deseñou a súa propia presa de cera artesá. E é que para Tomás, o mel só ten vantaxes: «Eu tiña problemas de garganta cando vin para aquí, probei co mel e nunca máis».

A mesma ilusión dos veteráns transmítena novos apicultores coma Javier Vázquez Picos, quen leva cinco anos, xunto coa súa irmá Raquel, atendendo no lugar de Rebordelos un apiario que crearon case por casualidade. «Había xente que quería alugar fincas e pensamos... por que non o intentamos nós?», lembrou Javier.

Dito e feito. Comezaron con catro colmeas e co pensamento de «a ver como nos vai» e un lustro despois suman máis de 60. Gustaríalles ter máis, pero non o ven de todo viable. «Ampliar é difícil polo tempo, hai que atendelas e nós temos tamén gandería e negocio». Ese non é outro que Picapan Casa Vituco, o local de hostalaría do Viveiró no que os participantes no roteiro apícola compartiron un xantar e os apicultores recibiron uns agasallos.

 A queiroa ou a silva son os principais compoñentes do mel da zona de Muras, «moi coñecido e de calidade», segundo di Ferreira

Funciona a diario como cafetería, pero nas fins de semana tamén serven comidas e é aos seus menús a onde vai parar boa parte do mel que producen, aínda que tamén o comercializan en venda directa. «Gustaríame dedicarlle máis tempo», incidiu Javier, quen xa matina nos seus próximos pasos: conseguir máis derivados das abellas, como pole ou própole, e ter a súa propia marca.

Eses pasos xa os deron na queixería vilalbesa Don Gabino, Producen San Simón e, dende sempre, que é o que mellor casa co queixo? Algo así foi o que pensou hai seis anos Iván Díaz. «As abellas sempre me gustaron, na casa de meus pais había trobos e cando un amigo me deu un enxame foi case coma unha bola de neve, ata se converteu nunha saída profesional», explicou o responsable das 140 colmeas que hai en Augarrío e das que sae mel, pole ou própole, este último unha iniciativa coa que comezou de xeito experimental o ano pasado e coa que quere continuar nesta tempada.

Teñen a súa propia marca comercial, Pingas de Gaia, e apostan pola venda directa da produción, boa parte dela nas feiras, ás que acoden cunha aposta segura: mel e queixo de San Simón.

A quinta das visitas estivo directamente relacionada cunha das principais problemáticas que sofren hoxe as abellas, a invasión da vespa asiática -a pouco que un se fixe, ve trampas caseiras penduradas das árbores aquí e acolá, tentando previr a súa expansión- e o consecuente fenómeno da transhumancia.

Mel O Castelo naceu en Viveiro, pero acabou por mudarse a Coruxos, en Muras. «Viñemos escapándolle á velutina e gustounos tanto que quedamos, o sitio é espectacular», precisou Luis Pernas, fillo de Dolores Lage, a responsable da firma. En Muras teñen 80 colmeas, que se suman ás que conservan en Viveiro.

Comentarios