Casa Celso logra salvar as patacas habaneiras no invernadoiro 'científico'

A colleita foi illada no Valadouro da couza guatemalteca ► Cólleas con retraso pero terá semente para botalas no 2018
Celso Pernas muestra sus patatas
photo_camera Celso Pernas muestra sus patatas

Ao final todo saíu ben e Celso Pernas logrou salvar a semente da pataca habaneira que con mimo vén prantando de vello a familia. Foi co invernadoiro, tal como el prantexou ós servizos da Xunta que miran de frear o avance da couza guatemalteca e que, coa prohibición de sementar este ano, deixaban en perigo esta variedade. "Son patacas largas e boas, levaron o outro día para analizar e creo que non haberá pega porque aí non entrou nada", di este veciño de Leirado, na parroquia valadouresa de Frexulfe.

"Ainda non acabei de apañalas —dicía onte en plena faena—, pero máis ou menos tres sacos de 50 quilos hei de coller, o cal non está mal para os 50 metros cadrados". Recoñece que viñeron algo tarde e secaron cedo pero déronse perfectamente a cuberto, illadas do ataque do insecto que este ano deixou sen colleita de patacas da casa a toda A Mariña, ou case.

En principio, propuxéranlle prantalas en Abegondo, no centro de experimentación que ten a Xunta, ou conxelalas para outro ano, pero el ditaminou que ou se poñían no Valadouro ou non funcionaría. "Tiven todas as autorizacións, de Lugo e Santiago, coa obriga de inspeccionar a leira de 'fines científicos'. Quero conservar a semente para o ano 2018, e non me desfago delas. Foron as patacas que me criaron, daquela non había outras", explica.

SABOR INIGUALABLE. Celso di que, sobre todo para cocer,a pataca habaneira da súa casa ten un sabor inigualable e hai que conservala como variedade autóctona, aínda que este ano para comer tivo que compralas de fóra. Pensa que acertou desta maneira —co do invernadoiro, rego por goteo cada poucos días e tela mosquitera na cabeza para que non se cocera a pranta—, pero cre que a praga da abelaíña guatemalteca non se vai poder erradicar en dous anos.

"Aquí, onde se botaran o ano pasado, brotaron algunhas e cando sementei o millo arrinqueinas; volveron a nacer, e volvín sacalas pero hai xente á que non se lle mete na cabeza", razoa. "Veñen con tres semanas de retraso pero para o ano hei de poñelas no seu tempo", di.

Comentarios