Cartos públicos

15.000 euros ao ano de por vida por 2.000 funcionarios son…moitos cartos. Tantos, que a a Cidade da Cultura sería un capricho e pensar nas débedas do SERGAS sería como aquel que afoga nun vaso de auga. Entendo que os cartos son para gastar e non se van ter gardados, como facían as avoas meténdoos en botes que logo agachaban en sitios imposibles para desgracia dos herdeiros, pero tamén hai que entender que sempre hai onde investir sen que sexa no peto dos que, de xeito tan vocacional, amable e voluntario, decidiron pórse ao noso servizo. Que eu non digo que o de ser político sexa sinxelo porque para iso, como para todo, hai que saber, querer e valer.

A cuestión é que aqueles que van ocupar un cargo político deberían ir coa idea de traballar para o ben de todos os cidadáns, volcarse de pleno no seu traballo, desempeñalo con ganas e non mirar tanto para o propio peto, que parece que é o problema principal que ve Touriño á hora de formar unha Administración en condicións. Non discuto que os cartos son unha motivación moi importante na vida e, se non, que llo pregunte a esas…cantas familias serán o 32% das familias galegas que non chegan aos 1.000 euros ao mes? Pois que lle pregunten a ese número indeterminado de persoas o ben que lle irían 15.000 euros ao ano máis, porque eles seguro que tamén traballan polo ben do país. Moito máis proveito lle sacarían que os que rematarán recibindo os sobresoldos que, mal que ben, xa terán un bo posto de traballo que non será mileurista precisamente.

E non deixa de ser curioso que todo ese funcionariado que leva máis de 26 anos traballando por vocación, se descubran agora como mercenarios segundo as palabras do actual Presidente da Xunta ante as dificultades para captar bos profesionais “ cada vez que queremos ter un director xeral aquí sexa un exercicio brutal de competitividade imposible, xa non coa empresa privada, senón con concellos e coas comunidades onde máis se gaña” Por iso admiro a postura de Encarna Otero e o seu desacordo coa Disposición adicional 17: igualdade para todos. Porque os demais tamén traballamos igual de duro e non nos choven os cartos do ceo. Nin da Xunta.

Comentarios