Cartos no colchón

A lgúns dos compoñentes da argallada esa coñecida como G-20 falaron, aí atrás, da comenencia de facer o posible para que desaparecesen as condicións que permiten que determinados pequenos países veñan dar niso que chaman paraísos fiscais. Nos medios de comunicación que informaban ó respecto non quedaba nada claro con canta convicción foi presentada a proposta, nin con canto interese foi alí recibida nin tampouco a forza e coa que se formularon os argumentos correspondentes, pero o caso é que a sensación que agora se nos transmite non é nada esperanzadora para aqueles que pretenderon, suponse que de boa fe, levar adiante semellante idea.

É coma se aquilo que no seu día espertou algo do interese de políticos, homes e mulleres de negocios —de grandes negocios—, deportistas de elite, artistas de alta cotización internacional, xornalistas responsables das áreas de economía dalgúns escollidos medios e outras persoas ás que dun ou outro xeito lles atanguese o tema, fose perdendo luminosidade toldado polas néboas de certas renuncias, máis ou menos voluntarias, e movido por un natural desexo de evitar unha volta atrás en determinados usos, xa bastante ben arraigados. Aí está, por poñer un exemplo, o caso de don José Manuel Martín —o do apelido é pura coincidencia—, alcalde que foi até hai uns poucos días de Alcaucín, concello rico en augas medicinais e sito na Axarquía malagueña, presuntamente implicado nunha desas zarapalladas de recualificacións de terreos, subornos, lavados de diñeiro negro e repentinos enriquecementos ós que tan afeitos nos teñen moitos dos políticos —e moitos dos que non o son— neste país.

Pois ben, o señor Martín Alba, que ademais de albanel de profesión e alcalde do seu concello durante os últimos dezaoito ou vinte anos, é tamén un ‘cantaor’ bastante coñecido por aquelas terras, debe ter un aquel desconfiado —como corresponde a alguén que nunca deixou de ser da aldea— que o levou de volta ó método clásico de ir agachar dentro do colchón os cartos procedentes, ó parecer, dos chanchullos polo que está procesado, seguramente por non lles facer caso ós que lle aconsellaban algún banco de confianza con delegacións encubertas nas Illas Caimán, poño por caso, se cadra convencido de que, mesmo entre xentes sen decencia nin dignidade, sempre son os mesmos os que van saír gañando e que, polo que agora sabe, non abonda con agachar ben os cartos mal adquiridos senón que cómpre dominar as mañas que permiten esconder tamén o colchón.

Comentarios