Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Carta a Southampton

este vaise, aquel vaise… Os filólogos temos aos amigos espallados polo mundo adiante e o meu irmán Pablo está en Southampton, cidade portuaria do sur de Inglaterra da que debo recoñecer que ata hai uns meses non sabía nada agás que fora porto de saída do desembarco de Normandía e bastantes cousas sobre o seu equipo de fútbol e, en particular, sobre aquel tipo curioso que foi Le Tissier. Pablo marchou por falla de oportunidades e por amor, que onde deus pecha unha porta abre unha fiestra.

'Pompa y circunstancia', de Ignacio Peyró

Por desgracia para el e para moitos emigrados, non hai moitos libros que informen sobre a idiosincrasia dos países. Unha guía de viaxe sempre está ben, os coñecidos locais xa non digamos -malia que os compatriotas, do Erasmus en diante, tenden a facer grupo-... Pero, como captar o sentimento dun país, os seus costumes máis fondamente enraizados?

Para pechar o ano chegou ás librarías o libro que Pablo e todos os que poñan proa ao Reino Unido deberían ler: ‘Pompa y circunstancia’, de Ignacio Peyró, xornalista, político e sobre todo divulgador de lectura e, polo que se deduce dos seus escritos, lector voraz educado ao estilo John Stuart Mill. Non hai outro xeito de explicar semellante sapiencia nunha persoa que naceu xa cun oito na cifra que marca as decenas. Supoño que os filólogos -no seu caso, Románicas- temos estas teimas.

Hai décadas que pasou de moda o de saber cousas: a erudición, nunha palabra. Semella que a escola está máis interesada en que os rapaces non se desmanden e facer todo «ao seu debido tempo», o que non deixar de ser un convencionalismo dado que o concepto «debido tempo» non siginificaba o mesmo para James Mill que para a profesora das miñas sobriñas. Peyró é un erudito e a súa capacidade para o detalle resulta francamente abrumadora en moitas páxinas da obra, mesmo para persoas con formación e coñecemento do tema.

Algunhas ideas asociadas a novas teorías pedagóxicas tenden a facer escarnio e maldizer da erudición asociándoa coa vacuidade ou a pedantería. O autor non é vacuo nin pedante e si un narrador excelente, cun coñecemento fondo dos dous idiomas imprescindibeis para escribir a obra. Cada entrada da súa enciclopedia ten dous ou tres intres (como pouco) nos que saen faiscas e pode apreciarse o ‘wit’ británico en pluma española.

Sei que o asunto das enciclopedias como lectura diaria aínda esperta suspicacias en vostedes, discretos lectores. En realidade, un tema tan diverso atopa nas entradas de dicionario a súa forma de expresión perfecta. A axilidade que otorga convertiríase en fartura se, por exemplo, o autor fundise nun só capítulo de tipoloxía ensaística todo o relacionado coa vestimenta e as Royal Warrant outorgadas a tendas máis antigas ca o noventa por cen da cidade de Lugo ou todo aquilo relacionado cos díxome díxome da familia real -sobre todo dende a raíña Victoria ata os nosos días-.

historia cultural. Con tal cantidade de datos e vocabulario, sempre hai algúns borróns, cos que estaremos dispostos a ser indulxentes. Porque facer historia cultural, historia das civilizacións, biografía e mesmo crónica social nun só libro -que por suposto ten un tamaño máis que considerábel- ben merece a paciencia da súa lectura e a misericordia cos lapsus calami.

Chegamos ao final do ano 2014 con este libro e esta peza. Eu agardo que Pablo volva -he, teño espera, que gañar o pan é o que ten- e que ninguén ocupe o seu lugar. Que disfrutar da obra de Peyró sexa algo para lectores devotos do Reino Unido, visitantes ocasionais coma un servidor que desexan volver aínda que alí foron felices, e non para o que queira aprender o verdadeiro cerne da cultura británica porque alí terá que pasar a súa vida, lonxe do fogar. Da man desta particular historia da Pérfida Albión, déixenme que lles desexe un feliz ano 2015, con saúde, cartos, amor... e libros.

Pompa y circunstancia
Ignacio Peyró

Editorial Fórcola

Páxinas 1.068 Prezo 49,50 €

(Publicado na edición impresa o 3 de xaneiro de 2015)

Carta a Southampton
Comentarios