Carta para o día despois

SEÑOR ALCALDE (in pectore, polo de agora) do Excelentísimo Concello de Lugo (e poño ‘señor’ porque, aínda que estou a escribir isto durante a chamada xornada de reflexión –que tamén a é de nerviosismo por saber quen son os equipos que baixan a segunda- e, obviamente, nada sei do resultado das eleccións celebradas onte, si puiden comprobar que ningunha muller encabezaba ningunha das candidaturas coas que era factible chegar a ocupar posto de responsabilidades tan próximas.

Quero comezar por felicitalo xa que, supoño, desde hai bastante tempo e até o día de hoxe todas as súas arelas –ou case todas- terían como principal estímulo a consecución disto que agora xa acadou. Tamén á súa familia –mesmo a política, claro- e demais persoas do seu quintairo afectivo e social que andaron canda vostede nos momentos bos e nos que non o foron tanto, cando podía a ilusión e cando o facía o desalento e que gozarán destas horas dun feliz acougo que, polo ben de todos, eu quero supoñer tamén esperanzado.

 

Pois ben, agora que a cousa xa foi, e gardándome ben de intentar aconsellalo sabedor como son da miña carencia de autoridade para facelo -por máis que haxa quen conceda aos moitos anos unha certa competencia ao respecto- e convencido como estou de que vostede posúe suficiente capacidade e abonda información sobre o que cómpre facer para levar adiante e con xeito o seu cometido, quixera, usando da miña condición de lugués, lembrarlle algo que non sempre permanece coa forza debida na memoria obrigada dos gobernantes: Pense, querido alcalde, que sexa moita ou sexa pouca a diferencia de votos que se contabilizaron ao seu favor, sempre serán máis en número os cidadáns que non o escolleron a vostede, ben porque optaron por outras candidaturas ou ben porque decidiron non participar na elección. Certo, e moi certo, que iso non embaza para nada o seu éxito e que vostede ocupará ese posto con toda xustiza, que iso o fai merecente do respecto das veciñas e mais dos veciños todos do Concello pero tamén que non estaría de máis que, a semellanza daqueles victoriosos xenerais romanos a quen o escravo que lle termaba da coroa de loureiro no desfile ía dicíndolle ao ouvido aquilo de ‘memento mori’ unha e outra vez para lle recordar a súa verdadeira natureza, vostede, se cadra utilizando os máis modernos ‘post-it’, faga canto sexa posible por non perder de vista esta realidade e nunca deixe de se esforzar seriamente en conseguir que todos poidan en verdade participar da realidade democrática que tanto veu enchendo os discursos destes días atrás e que, se ben se mira, é hoxe cando debe realmente comezar. E nunca esquenza o enorme valor de cidadáns como os que desde o pasado día 15 véñennos demostrando a todos que ben poden florecer outros maios despois dos de hai corenta e tres anos en París...
Cos nosos mellores desexos.

Comentarios