Carrasco: "O importante é que os alumnos se emocionen e sintan a paixón"

José Luis Carrasco, deseñador do mural do cincuentenario do IES Basanta Silva de Vilalba, que vive entre Torneiros e Lugo, iniciará una nova etapa en Lugo logo de impartir clase durante 23 anos no instituto chairego, no que participou nunha morea de iniciativas artísticas e lle inculcou o amor que el sente pola cultura a tódolos rapaces que foron pasando pola súa aula.
José Luis Carrasco
photo_camera José Luis Carrasco

Logo de rematar as celebracións polo aniversario do Basanta Silva, que valoración fai da experiencia?

Realmente positiva e na que colaborei encantado, logo de que Carlos, o vicedirector, me pedise axuda. Como dixo el, é certo que sempre agardas que participe máis xente en tódalas actividades -na proxección das películas, nas representacións teatrais...- pero hai que ser consciente de que a realidade é a que é. En canto ao mural, inaugurouse o día 9 e non coñezo tódalas reaccións, aínda que xa recibín moitas felicitacións e parece que gustou.

En que se inspirou para pintalo?

Moitos se preguntan que ten que ver co tema principal: a educación. A verdade, cando mo propuxo Carlos non sabía por onde comezar, pero empecei a preguntarme polo tránsito que fai un rapaz que entra no instituto con 13 anos e sae con 18, polos cambios que sofre. Acabei collendo a protagonista de ‘Alicia en el País de las Maravillas’ como un rapaz ou rapaza calquera do instituto, reflectindo esa transformación que narra a obra e cunha tatuaxe que representa a busca do norte, da orientación. Ademais, incluíuse a imaxe simbólica de regar as árbores e a frase «Chove pra que eu soñe», de Uxío Novoneyra, que me parece moi identificativa por aquilo de que en Galicia sempre está a chover pero nunca deixamos de soñar.

Tamén se recuperaron uns cabezudos que saíron á rúa. De onde xurdiu esa idea?

Foi idea de Carlos, a quen lle gustan moito os pasarrúas e as festas populares. Cando se atoparon estaban moi deteriorados, xa que levaban moito tempo sen saír, así que decidimos restauralos coa colaboración do Concello. Foi Begoña Arias, a outra profesora de Plástica, quen cargou con case todo o traballo. Eu tan só restaurei a Negra porque tamén me estaba encargando do mural. Foron moitísimas horas de duro traballo, non sabería dicir cantas.

Esta non é a primeira iniciativa na que participa.

Colaborei en varias, como no mosaico do Insua Bermúdez, na honra a Manuel María.

Hai algún do que se sinta máis orgulloso?

Non sabería dicir cal. Por exemplo, do último que fixen -o conmemorativo do Basanta Silva- gústanme moitas cousas, pero se o volvera facer cambiaríalle detalles. Nunca quedas satisfeito ao cen por cen co que fas.

Foron máis de 20 anos en Vilalba. Como resumiría esta etapa?

Como diría Gustavo Adolfo Bécquer, non volverán. Entraría en tópicos dicindo que o pasei ben ou que o pasei mal, que fixen moitos amigos, pero a vida é unha experiencia en si mesma.

"Non me fago á idea de como será o día no que non volva dar clases en Vilalba; quero deixar unha porta aberta"

Que botará de menos?

Quero deixar a porta aberta, non me fago á idea de como será o día no que non volva dar clases en Vilalba despois de 23 anos. Tan só me quedan doce para xubilarme e é unha experiencia que non quería perder.

O seu novo destino é o bacharelato artístico en Lugo. A que se debeu esta decisión?

Foi algo meditado, que quería dende hai tempo. É distinto dar clases a rapaces que collen esas materias por obrigación, ou escapando doutras, a facelo con xente que escolleu esa rama de BAC porque realmente lle gusta e porque quere adicarse a isto nun futuro.

Percibía ese interese polas artes nos seus alumnos?

Dentro dun ano poderei dicir algo concluínte, cando comprobe como se portan os do bacharelato artístico. En Vilalba facíanseme curtas as clases, porque había que comezar practicamente de cero, con rapaces que non coñecen un plano e outros conceptos audiovisuais.

Quizais se deba a unha falta de interese polo universo artístico...

Ese é un problema que hai en toda Europa, máis acusado aínda en España e en Galicia. Estou encantado cos alumnos que tiven, pero pecan do mesmo que o resto da sociedade porque hai moita falta dunha materia relacionada coa linguaxe audiovisual na Eso, que é o idioma do século XXI.

Como profesor, que é o que máis o enche de satisfacción?

Nas clases sempre procurei dar o que a min me gusta, que os alumnos vexan que hai máis mundo a parte dos empresarios, que a arte o trascende todo. O importante é que se emocionen e sintan a paixón, así que cando vexo que algún exalumno consegue iso e mo recorda, síntome moi satisfeito.

Comentarios