Carolina Iglesias: "Un soño por cumprir é dar as badaladas con Gayoso"

Ela chámase Carolina Iglesias, os seus avós son de Foz e móstrase na súa canle de YouTube sen artificios; gústanlle Upa Dance, o Caribe Mix e Eurovisión
Carolina Iglesias é Percebes y Grelos
photo_camera Carolina Iglesias é Percebes y Grelos

Recorda o seu primeiro vídeo en YouTube?
O meu primeiro vídeo coido que foi sobre as mensaxes motivadoras como as de Mr. Wonderfull. Eu ríame dese rollo, pois, a pesar de que hai que ser optimista, non me parecía ben que se vendese un cartel por vinte euros que puxese: "Ti podes facelo!". Iso tamén cho di túa nai! (risas).
Que lle ensinou YouTube a vostede neste tres anos?
Aprendín a falar diante da cámara; nótome diferente que nos comezos onde as gravacións eran máis lentas. Así mesmo, tamén sei editar mellor os vídeos.
E que cousas cre que mantivo vostede neste tempo como youtuber?
Pois o feito de que aínda que os meus sexan uns vídeos de broma, gústame deixar algún aprendizaxe sempre neles, un pouco o que fixen nese primeiro vídeo.
Como é o seu proceso de creación para este tipo de vídeos?
Gústame moito ir escribindo en libretas unha lista longa do que se me ocorre, logo téñoa reservada ata que chegue o momento no que poida facer ese vídeo en concreto. En xeral, non teño un guión claro, pois sería aínda máis complicado ter que parar cada pouco para revisalo. Ademais YouTube permítenos a improvosación, pois dispoñemos de tempo, cousa que noutros medios non pasa.
Youtube entón é para vostede liberdade?
Si, é o sitio onde vou ter unha liberade total, pois noutros traballos sempre vas estar un pouco encorsetada por algún factor. En YouTube hai liberdade creativa e, ademais, subir vídeos non me xenera ingresos practicamente, pero é algo que me fai moi feliz.
E axúdaa a vostede emocionalmente poñerse diante dunha cámara?
Por suposto. Tiven días tristes e agobiados co meu traballo e poder ler os comentarios que me deixan na canle axudoume moitísimo. Iso si, gustaríame responder cada un deles; mais pola cantidade é imposible, pero que conste que leo todos.

"A etiqueta de ser youtuber aínda non ten unhas connotacións positivas"

Mais algo negativo para vostede terá este mundo...
Claro, a etiqueta do youtuber aínda non ten unhas connotacións positivas para moita xente. Teño moitas opinións neste tema porque penso que parte da culpa é da plataforma de youtubers, os cales sinto que non me representan. Sen embargo, tamén noto moita incompresión, pois cando dis que es youtuber englóbante axiña. Así mesmo, nagúns medios non temos moi boa fama, pois pensase que o noso traballo é simple...
Vostede defende que non é un traballo simple, entón?
Non, é unha profesión diferente. Eu admiro moito a xente que vive disto pois depende de factores que non aseguran un salario mensual: o número de visitas, que as marcas queiran traballar contigo...
Entón opina que no mundo do YouTube pode haber unha maioría que non mostra a súa verdadeira cara?
Penso que si. Eu cando empecei era eu e iso lle transmitín á xente.Síntome tranquila facéndoo así, pero despois hai xente escudada en ser personaxe; unha cousa relativa porque se o teu personaxe fai algo que ti non farías, non lle podes botar a culpa a ese rol. Así mesmo, esas ideas que lles transmiten aos cativos non me gustan, paréceme todo un pouco perigoso.
Como definiría entón vostede a súa canle?
É unha mestura do que son, son galega, de Oleiros; os meus avós son de Foz... Sempre que podo intento falar da miña terra e incluso facer vídeos na miña lingua. Á parte diso, gústame falar de cousas que á xente lle da vergoña admitir que lle gustan: Operación Triunfo, Eurovisión, a música do verán como Caribe Mix... todo iso encántame!
Está favorecendo que algúns se animen a recoñecer eses gustos?
Non vou dicir que sexa grazas a min, pero si que é verdade que cos meus vídeos semellan animarse a saír do armario.
A súa avoa é o primeiro que vemos cando entramos na súa canle, teñen ambas as dúas unha relación moi estreita...
Si, sempre estiven moi unida aos meus avós; tívenos ata os dezaoto anos. Ía a Foz onda eles no verán e durante o ano vivían comigo na Coruña. Eran como outros pais. Eu estaba cos meus amigos na rúa e vía ao meu avó pasar e dicía: "Ese é o meu avó, mira!"
E que se transmitiron entre amabas as xeracións?
Sempre me gustou moito escoitar as historias dos avós de cando eran novos. Toda a vida vin moi necesario botar tempo con eles e tampouco precisei que morreran para chegar a esta conclusión. Á vez , tamén lles ensinei cousas como a mandar SMS dende o Nokia ao meu avó.
E da súa avoa pasamos a falar de Eurovisión. Que lle supón a vostede poder compartir esa paixón co público?
Eu son fan de Eurovision dende que foi Rosa; de feito, vía este festival cos meus avós. Cando empecei no YouTube fixen algún vídeo sobre isto pensando que non o ía a ver ninguén. Grazas a isto o ano pasado chamáronme de TVE para comentar Eurovision desde alí e este ano retransmitino pola web xunto a Azúcar Moreno. Entón pensei: "Se isto llo digo a unha versión de min máis pequena flipa".
Que experiencia lle está reportando o espazo YU ?
Comecei perdidísima, incluso non sabía saír do edificio! Aprendín un montón e co tempo fun tendo máis peso no programa e para a tempada que vén agardo estar aínda máis. Eu síntome cómoda aló!
Que lle gustaría a vostede atopar no seu futuro?
Teño unha restruturación de soños, pois conseguín cousas que aínda non agardaba lograr. Mais o certo é que me gustaría seguir traballando nun programa de humor e dar as badaladas con Gayoso, un soño por cumplir!.

Comentarios