Carné feminino

AS AUTORIDADES de Arabia Saudí prometeron ser severas. Non terán compasión coas mulleres que ousen transgredir a norma que lles prohibe conducir vehículos. A cousa non ten pes nin cabeza, malia que un sector dos islamitas quere ver unha especial preocupación polas féminas ás que afecta esta restrición dos seus dereitos. Saleh al Lohaidan, conselleiro do Ministeria de Xustiza, acabou por confundir o seu maxín coa ciencia, e deu en dicir que poñéndose ao volante, as mulleres poñían en perigo a súa saúde, máis concretamente a reprodutiva. O que ven a ser unha opinión interesada porque na visión tradicional do Islam (e do catolicismo) a principal función da muller, por moi sagrada que sexa, é a de procrear. Tanta é a aniquilación feminina no plano social que mesmo se lles impón unha vestimenta (os burkas ou as tocas para as monxas católicas) que as dote dunha certa invisibilidade social. O home a cara descuberta, a muller velada. Benedicto XV non dubidou en fustigar nunha encíclica ás mulleres ‘tontas e ridículas’ por vestir indecentemente, ferindo aos homes e ofendendo a Deus. Pío XII alertaba sobre certos vestidos desvergonzados que convertían as mulleres en ovellas. Durante a España franquista, con fondo respaldo do nacionalcatolicismo, levouse á práctica un ensino enfocado en formar homes para a vida pública e mulleres para as tarefas do fogar. Entre as moitas lacras sociais, por exemplo o racismo ou a homofobia, o patriarcado segue a ter defensores que se manifestan abertamente. Ben é certo que as mulleres tamén contribúen a perpetuar a discriminación. Nin pola cabeza se nos pasa que un negro pedira ser sometido á escravitude en función da súa cor de pel, pero pola contra non é estraño que unha fémina reclame para si esa condición invalidante de ter a pata quebrada. Tamén é significativo que o que pasa por ser o Papa máis reformista coñecido ata agora, que ten prometido poñer en cuestión as normas eclesiáticas máis ancestrais, fixera unha excepción anunciando ao mesmo comezo do seu mandato que tiña trazada unha liña vermella que non ía pasar: o tema da ordenación sacerdotal das mulleres. As actuais restricións, non hai que enganarse, teñen a súa base na aceptación de moitas mulleres de tales discriminacións. Ningún Papa correría o risco de enfrontarse á súa principal clientela. Claro que tampouco se pode apostar polo inmobilismo total. Se as mulleres saudíes son quen de poñerse ao volante aínda a risco de seren detidas, tamén as católicas poderían chegar a desertar das igrexas de continuar ese discurso descaradamente patriarcal. Aínda hai máis dunha revolución pendente.

Comentarios