"Son defensora do rural tendo sido unha grande urbanita, precisamos un equilibrio"

Carmen Granxeiro: "Si no aprendemos a ver de un modo crítico acabamos por ser sujetos pasivos"

A lucense Carmen Granxeiro é unha desas artistas que vive da súa paixón. Empapada pola experiencia de residir en diversos países, pero sempre coa súa terra como destino, compaxina a montaxe de exposicións en galerías e espazos alternativos coa organización de obradoiros audiovisuais para falar do que máis lle gusta aos escolares.
Carmen Granxeiro.
photo_camera Carmen Granxeiro.

ARTISTA MULTIDISCIPLINAR, Carmen Granxeiro compaxina traballos de deseño gráfico, fotografía e audiovisual con obras máis persoais «coa mirada posta na (super)vivencia económica».

É posible vivir da arte?

É posible, malia que eu non o fago. A nivel económico sobrevivo tamén grazas a outros traballos que, se ben son creativos, non arte porque teñen outras finalidades. E a pesares de que ‘vivir’ sempre debería de ser posible, algo que por desgraza para moita xente non é, o meu xeito de afrontalo día a día axuda: vida autosostible, economías alternativas, o que o pensador francés Pierre Rabhi chama a sobriedade feliz, que non ten nada que ver coa austeridade que nos venden as políticas capitalistas.

Esta semana impartirá tres obradoiros no IES Basanta Silva de Vilalba. Cal é o obxectivo?

Achegar realidades culturais ausentes no sistema educativo e que son fundamentais no cotiá de calquera cidadá. Se non aprendemos a ver dun xeito crítico, a descodificar linguaxes audiovisuais de forma coherente, acabamos por ser suxeitos pasivos. E ese tipo de pasividade, promovida moitas veces institucionalmente, non nos achega ao goce pleno de certos medios e obras, á comprensión completa de mensaxes e das nosas propias vidas. A arte é un medio moi valioso en moitos sensos.

Entre imaxes e tecnoloxías, a sociedade ten coñecementos para un pensamento crítico?

Pode parecer que si e sería o lóxico, pero por moita imaxe que nos rodee se non aprendemos a lelas, non imos ser quen de descifralas. Somos unha sociedade bastante pouco crítica en tódolos aspectos.

Que opina das redes sociais? Socializan ou sobreinforman?

Todo depende de como se empreguen. Son usuaria activa e gozo das inmensas posibilidades que ofrecen pero quero ser consciente tamén dos seus perigos. A información é poder, nas nosas mans está como o queiramos usar.

Que obradoiros imparte no IES?

Son tres e versan sobre a linguaxe audiovisual e as belas artes e sobre a historia da fotografía dende unha perspectiva non só técnica ou estética senón tamén temática e humana. Son obradoiros moi amenos, nos que se ve moito cine, arte e fotografía. Cada un deles está orientado a unhas idades e falamos de Chaplin ou Agnès Varda, de Spike Lee e de Vera Chitilova, de Banksy, Van Gogh ou escultura clásica grega, de fotógrafas anónimas ou de Annie Leibowitz.

Que é o mellor dos obradoiros? Que lle aportan como artista?

O bo rato, gozo falando de arte, gústame transmitir a paixón que sinto e ver como á rapazada lle pica a curiosidade e descubre a súa propia paixón por temas que igual lle eran descoñecidos.

A arte hai que sentila ou é necesaria unha guía para comprendela?

É un pouco de todo porque a sentir tamén se pode aprender e a expresar o que se xera dentro de nós. De feito, ese é un dos grandes problemas das leis de educación e especialmente desta última. Se non somos quen de expresar o que sentimos, de entendernos para entender aos demais, imos ser infelices sen saber moi ben porque. Igual nos facemos ricos ou triunfamos como empresarios pero só hai unha vida e hai que aprender a vivila ben.

Sempre estivo vinculada a proxectos sociais e reivindicativos. A arte ten unha función?

Non hai dúbida. Toda arte é política porque todo o é dun xeito ou outro, mesmo aquela que se quere afastar desa ‘etiqueta’, xa que esa vontade non deixa de ser unha decisión ao respecto.

Participa en moitos movementos artísticos. A unión fai a forza?

Sen dúbida. Empecei en Barcelona, con poucos medios e moita dignidade, aínda estudando. En Berlín o colectivo aportoume o que soa nunca podería acadar, en Nova Orleáns dende o común apañei moita experiencia.É preciso sabernos parte dun todo para sermos nós mesmas.

Acaba de abrir unha mostra. E máis difícil crear ou atopar galerías?

(Risos) O segundo. Crear require de perseverancia, moito traballo calado que non todo o mundo percibe nin aprecia, pero é algo inherente á vida. O segundo é un traballo que hai que facer se queres ir tirando economicamente. Non se me da ben e non lle adico o tempo que debería. Por sorte van xurdindo novos espazos máis abertos e en Lugo temos a fortuna de que Cris persevera con este proxecto tan bonito que é Iskoö. E son fan do alternativo, da creación de espazos sociais, cidadás, efémeros ou permanentes, xestionados á marxe do lucro e o institucional.

Como respira a arte en Galicia? Está a un bo nivel?

Ufff... Hai unha cousa que afecta negativamente á arte e a moitos outros aspectos, a xente que marcha porque aquí non ten as oportunidades ás que pode optar noutros lugares. E o do nivel é subxectivo. Unha feira como ARCO ten moito máis que ver co nivel económico que con nada artístico e porén, aquí temos moita xente facendo cousas interesantísimas a pesares de que non cheguen a moito público ou que non teñan relación algunha co económico.

A crise afecta?

Afecta porque a arte é feita por persoas e todos temos unhas necesidades básicas. De seguro moitas grandes artistas están a pasar fame, a algunhas nunca as coñeceremos porque morrerán sen poder desenvolver as súas capacidades. Cando falamos de crise pensamos en occidente pero a que vive unha crise continua é a dignidade humana no mundo e o mundo está cheo de persoas con grandes cousas que poderían aportar se as deixasen e puidesen.

Comentarios